A Laracha Acolle para deixar expresar á comunidade estranxeira
Continúa en marcha o programa de integración social A Laracha acolle. A Concelleira de Servizos Sociais Rocío López, realizaba unha visita aproveitando a celebración dunha das sesións do Espazo Exprésa-T. Este programa cofinanciado por Fundación “La Caixa” a través da Obra Social, vense desenvolvendo desde o mes de decembro en Paiosaco, e ten por finalidade a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes residentes no Concello, máis concretamente, a do colectivo prioritario das mulleres.
Componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o Taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia, que se realiza os luns e mércores, co propósito de que as persoas inmigrantes adquiran habilidades lingüísticas que lles permitan desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria.
E, por outra banda, reforzando a acción anterior, o Espazo Exprésa-T, un lugar de expresión e participación cultural dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, así como ao intercambio e socialización. As sesións teñen lugar os venres.
A Laracha Acolle trátase dun programa innovador, que se leva a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza-aprendizaxe, con perspectiva de xénero, traballando contidos e empregando unha linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.
A persoa responsable do programa destacou o esforzo que as mulleres están a facer para asistir ás clases, e o seu interese por aprender unha nova lingua, así como por coñecer unha cultura diferente e acceder aos servizos e prestacións que melloren as súas condicións de vida e, sobre todo, a educación dos seus fillos e fillas, pois é un tema que lles ocupa e preocupa especialmente.