Xoves. 28.10.2021
El tiempo

Laracha aumenta o seu padrón en tempos de pandemia

Concello da Laracha xa en QPC
Laracha aumenta o seu padrón en tempos de pandemia

188 persoas persoas máis empadroadas ten agora mesmo A Laracha que hai un ano, superando os 11.600 habitantes. Concretamente son 11.606 os censados, tralos datos do último ano, no que se rexistraron 491 altas (das cales 409 foron por cambio de residencia e 69 por nacementos) e 303 baixas (192 por cambio de residencia e 94 por defuncións).

Analizamos as cifras, destacando que o 50,80 % son mulleres (5.896) e o 49,20 % son varóns (5.710). A franxa de idade máis numerosa é a de entre 40 e 49 anos, co 18%, mentres que os menores de 10 só representan o 7%. Quedan só 4 persoas con máis de 100 anos (tres mulleres e un varón).

Por parroquias, as catro que contan con maior número de habitantes son Torás (4.061), Lestón (1.370), Cabovilaño (1.139) e Caión (849).

Salientar, tamén, que entre a poboación larachesa hai 332 habitantes procedentes de 37 países estranxeiros diferentes, estando á cabeza Marrocos (69 persoas), Portugal (50), Brasil (27) e Italia (16).

O continuo e progresivo aumento de poboación que está a rexistrar o Concello da Laracha é un claro indicador sobre a calidade de vida que se ofrece no termo municipal”, resaltan fontes municipais.

comentarios