Martes. 16.07.2024
El tiempo

A Laracha continúa co programa de compostaxe caseira

COMPOSTEIROS Laracha
A Laracha continúa co programa de compostaxe caseira

O Concello da Laracha lembra que a campaña de compostaxe doméstica continúa activa para aquelas persoas residentes en vivendas unifamiliares do termo municipal da Laracha que dispoñan de parcela anexa. 

Consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos e kits de compostaxe combinada con campañas informativas e asesoramento par parte de persoal especializado que acudirá ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e aconsellar sobre o uso axeitado do equipamento.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está realizado en material 100 % reciclado. Conta cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como cun sistema de montaxe sinxelo. Os kits de compostaxe están compostos por aireador de aceiro inoxidable, rede antirroedores e manual en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.
Aquelas persoas e familias que cumpran os requisitos establecidos e desexen formar parte do programa de compostaxe doméstica xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando o formulario que está dispoñible na web municipal ou poñéndose en contacto co Concello. Actualmente son máis de 300 vivendas do termo municipal as que xa contan cun composteiro individual grazas ás iniciativas levadas a cabo nos últimos anos polo Concello.
A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo polos fertilizantes artificiais.
Con esta iniciativa lógrase o dobre obxectivo do respecto ao medio ambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos que se depositan nos colectores. 
A campaña de compostaxe doméstica que impulsa o Concello da Laracha conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resilienciada UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2023-2024.

Comentarios