Luns. 29.04.2024
El tiempo

Laracha crea un espazo para que a mocidade participe

Mocidade da Laracha participa
Laracha crea un espazo para que a mocidade participe

En marcha a toda máquina o Plan Local da Infancia e da Adolescencia que artella o Concello de Laracha. Unha iniciativa para mellorar a participación das nenas, nenos e adolescentes na vida municipal a través da creación dun espazo no que a infancia e a adolescencia poida trasladar as súas necesidades, inquedanzas e as súas ideas de mellora para A Laracha, resultando nunha canle bidireccional entre o Concello e os nenos e nenas escollidos polos seus iguais como “conselleiros”. 

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, destacou que “a creación deste espazo suporá un gran avance para o garante do dereito á participación das nenas e nenos, o cal contribuirá a unha mellora non só do seu benestar, senón tamén ao do conxunto da cidadanía”. Así mesmo, incidiu que este fito tamén permitirá que o Concello da Laracha se postule como municipio candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.

Neste proceso foi clave a colaboración dos centros educativos, e así foi que para dar a coñecelo e para identificar as necesidades e as propostas da rapazada, foron realizados encontros participativos cun total de 14 grupos do CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo e IES Agra de Leborís, contando coa participación de 266 alumnos e alumnas. Tras a celebración destes encontros nas aulas, cada grupo escolleu aos seus dous representantes para formar parte do incipiente Espazo de Participación da Infancia e a Adolescencia, sendo elixidos un total de 31 nenos e nenas, pertencentes aos cursos de 5º e 6 de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria,

E foi ese pasado martes 20 de xuño cando se celebrou o encontro de constitución do Espazo de Participación na Biblioteca Municipal da Laracha. Presentou unha finalidade dobre: por unha parte, que o conxunto dos nenos, nenas e adolescentes puidesen presentarse entre si, e, por outra, dar por constituído este Espazo de Participación, sendo presentadas algunhas cuestións básicas para o seu funcionamento.

Nesta xornada, os nenos e as nenas recibiron o seu correspondente diploma que acredite a súa calidade de “conselleiro”.

De forma paralela á creación deste espazo, vén elaborándose unha diagnose sobre a situación da infancia e a adolescencia, abordando cuestións referidas a, por exemplo, os recursos e servizos educativos dispoñibles no municipio, aos equipamentos e as actividades culturais e deportivas dirixidas a estas idades, á súa mobilidade e á seguridade viaria, ou ao uso do espazo público. Esta análise, que constituirá o punto de partida para a elaboración do I Plan Local da Infancia e a Adolescencia, será presentada ao persoal das diferentes áreas e departamentos do Concello da Laracha nun encontro que terá lugar o xoves 22 de xuño.

Comentarios