A Laracha destina o POS+2026 integramente a gasto corrente
Deciden estes días os plenos de varios concellos, apurando o prazo da Deputación, as partidas ás que van ir destinadas as axudas do POS+ 2026.
O celebrado na Casa da Cultura da Laracha serviu para acordar por uninamidade dos tres grupos municipais a proposta do Goberno local relativa ao Plan Único. Así, os 1.006.010,28 euros que percibirá o Concello serán destinados integramente ao financiamento de gasto corrente. Sumados á achega municipal de 597.789,13 euros, o montante total ascende a 1.603.799,41 euros.
O alcalde, José Manuel López Varela, apuntou que estes fondos permitirán “reforzar partidas dentro do gasto corrente” e que se decidiu non destinalos a obras porque implican “complexidade nos trámites, na contratación e tamén retrasos”.
Do mesmo xeito, quedou definido o Plan Complementario 2026, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do curso. O orzamento previsto é de 138.092,40 euros para o financiamento de proxectos de mellora da rede viaria que afectarían aos núcleos da Revoltiña, A Armada Nova e A Armada Vella na parroquia de Soandres e ao de Cercido en Erboedo.
Rede Española de Ciudades Saludables
Tamén se aprobou por unanimidade a adhesión do Concello á Rede Española de Ciudades Saludables, que é unha sección da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que traballa de maneira coordinada co Ministerio de Sanidad para impulsar e estender a promoción e protección da saúde e o benestar dos cidadáns en concordia cos principios de actuación da Organización Mundial da Saúde (OMS). Está formada por máis de 500 municipios de toda España que agrupan 25 millóns de persoas. López Varela engadiu que “a partir de agora iremos vendo os diferentes programas e actuacións a realizar na Laracha, para os que se terá en conta as opinións dos tres grupos municipais”.
Seguindo os puntos da Orde do Día, deuse conta das 314 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde o Pleno ordinario anterior. O alcalde aproveitou o momento para “agradecer o traballo do persoal do Concello na época das vacacións de final de ano” e tivo un recordo para José Manuel Sánchez, funcionario municipal en activo falecido o pasado luns: “perdemos unha excelente persoa, compañeiro e traballador”, expresando tamén as condolencias á familia.
Outras mocións
Ademais, aprobáronse dúas mocións. Unha delas foi solicitando que se aplique a flexibilidade prevista no Regulamento europeo de Control de Pesca especialmente para a frota artesanal. Outra é de apoio ao sector primario, rexeitando calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos.
Orzamentos
Hai unha semana que a portavoz socialista na Laracha, Inés Ramos, criticaba que o Goberno municipal do PP aínda non teña aprobados os orzamentos deste ano. Para Ramos, esta situación demostra “incapacidade de xestión, descoñecemento da realidade e un desprezo absoluto pola veciñanza da Laracha”.
Segundo explicou, o PP goberna con maioría absoluta, polo que non ten que negociar con ningún outro partido. “Se non teñen que pactar con ninguén, por que o orzamento non está listo? Onde están os orzamentos da Laracha para 2026?”, preguntou a voceira socialista, que censurou "a pésima xestión do PP, que non é capaz de aprobar orzamentos en tempo e forma".
Outras novas

