COVID: A Laracha pecha os parques infantís
Con 125 casos de infección activa (un menos que onte) e 127 casos diagnosticados nos últimos catorce días (sete máis que onte), a situación na Laracha é grave. De aí, que a Comisión de seguimento ante a Covid-19 celebrada onte decidise tomar medidas como o peche de parques infantís, ademais das instalacións deportivas e os circuitos biosaudables.
A Policía Local precintará todas esas infraestruturas públicas para advertir da prohibición do seu uso., coincidindo co comezo da aplicación das novas restricións en toda Galicia.
Entre elas, o peche de todas as instalacións deportivas: os pavillóns (salvo durante o horario de uso dos centros de ensino), o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o campo de fútbol Municipal da Laracha e as pistas de pádel. A única excepción é o campo de fútbol A Porta Santa, xa que se permitirá o desenvolvemento dos adestramentos e a disputa dos partidos do primeiro equipo da U.D. Paiosaco que compite en categoría nacional (3ª División).
Tamén se acordou o peche das tres bibliotecas e a suspensión temporal do servizo de aula lúdica municipal e do programa de reforzo educativo “Un paso adiante” que se leva a cabo no marco do programa “Educa en positivo”.
Sobre a feira de Paiosaco (a próxima será o 7 de febreiro), o Concello continuará permitindo a súa celebración coa limitación de que os postos ocupen a metade do seu espazo habitual.
DATOS DE 26-01-2021
A comarca de Bergantiños segue disparándose con 40 casos máis ca onte, o que provoca que, por primeira vez, a Costa da Morte supere o millar de novos casos nos últimso 14 días. A taxa de incidencia media da comarca bergantiñá sitúase nos 990 casos por cada 100.000 habitantes, sendo os Concellos da Laracha e Carballo os que superan o millar. En toda a Costa da Morte a taxa de incidencia ronda os 700 novos casos por cada 100.000 habitantes, lonxe, moi lonxe da cifra que estupula la OMS para ter controlada a pandemia (arredor dos 100).
Centros de ensino
Hoxe son xa 48 os centros afectados, se ben houbo algún, como a Escoliña de Cee, que se comunicou con QPC para sinalar que xa volveran á normalidade a pesar de que o listado que a Xunta publica na plataforma de seguemento do COVID aínda sinalaba que tiñan casos activos.