Xoves. 28.01.2021
El tiempo

A Laracha presenta os seus orzamentos 2021

A Laracha presenta os seus orzamentos 2021

Os Orzamentos Municipais do 2021 da Laracha pasaron esta pasada semana por comisión e serán votados no Pleno extraordinario que se celebrará o mércores. Uns orzamentos de 8.305.000 euros (semellante ao curso anterior), dos que destacan “a conxelación de impostos, a cobertura en servizos municipais e o esforzo investidor”.

En todo caso sinalan que son “unhas contas abertas, feitas con cautela”, e poñen o exemplo de 2020, que se pecha cun orzamento de case 16 millóns de euros, preto do dobre que o presuposto inicial.

O ciclo da auga, a axuda no fogar, a recollida de lixo, a iluminación pública, o mantemento da rede viaria, os servizos de conserxería e a limpeza de edificios e instalacións son as partidas máis importantes en materia de gastos de equipametos e servizos, con 5 millóns (o 70% do apartado). Pero apuntan que este ano inclúese unha partida para servizos arqueolóxicos para a posta en valor do Castro de Montes Claros.

Un de cada catro euros destes presupostos (2.028.000 euros) terán por destino a protección social e a promoción do emprego.

O capítulo de investimentos reais lévase máis do dez por cento do orzamento (863.000 euros), estando consignada a partida económica para a construción dunha pista de skate (155.000 euros) nas inmediacións do IES Agra de Leborís.
Non faltan as obras de pavimentación de estradas rurais.

Intesante sempre é analizar o gasto previsto no capítulo de persoal, que neste caso presenta un lixeiro aumento con respecto ao exercicio anterior que se explica polo incremento das retribucións previsto no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e tamén pola incorporación de persoal interino para o desenvolvemento de proxectos vinculados ás medidas derivadas da loita contra a pandemia.

Salientar, ademais, que se renovará a colaboración económica coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Confraría de Pescadores de Caión (polo museo do Arquivo da Pesca) e a Asociación de Comercio (ACSIL).

comentarios