A Laracha recibe a visita do presidente da Illa do Príncipe

O presidente da Rexión Autónoma do Príncipe (unha illa sita enfronte de Guinea Ecuatoral), Felipe Nascimento, visitou onte o concello da Laracha no marco da xira que está a realizar nesta semana por varios municipios galegos coa fin de coñecer boas prácticas medioambientais.
A iniciativa enmárcase nos actos previos á celebración do IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía que, co
impulso do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e baixo o lema “Gobernanza local para o desenvolvemento sustentable”, vai ter lugar do 23 ao 26 de outubro na illa africana do Príncipe, pertencente á República Democrática de São Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.
Foron recibidas por Rocío López e Patricia Bello, e tamén por responsables de Coregal -empresa concesionaria da xestión do punto limpo e da recollida de residuos sólidos urbanos- e da Fundación Galicia Sustentable, que está a desenvolver no termo municipal da Laracha proxectos en materia ambiental.
Visitaron as instalacións do punto limpo, a área verde do parque empresarial da Laracha, o espazo que vai ser obxecto da primeira actuación piloto do plan estratéxico ambiental Alanat (A LAracha NAtureza) que impulsa o Concello da man da Fundación Galicia Sustentable.
Ademais da Laracha, as autoridades do país africano estiveron nesta semana en Nigrán, Moaña e a Deputación de Pontevedra, e hoxe visitan Compostela
