A Laracha xa abriu 200 expedientes a propietarios que non limparon as súas parcelas

Camariñas, Santa Comba e Ponteceso son os únicos 3 concellos que por agora, e que teñamos constancia, que veñen de lembrar á súa veciñanza a obrigatoriedade de manter en bo estado as parcelas forestais acorde coa Lei de Prevención e Defensa contra Incendios.
Un “recordatorio” ao que tamén se une o Concello da Laracha, que xa leva no que vai de ano máis de 200 expedientes tramitados requirindo o mantemento en bo estado de conservación nas condicións óptimas de seguridade das parcelas, a raíz dos informes da Policía Local que sinalaban as zonas que non cumprían o establecido nas leis.
Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público dos terreos privados.
O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización e lembra aos que aínda non realizaron as accións que comezará nos próximos días a impoñerlles multas coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros como medio de execución forzosa para que procedan a dar cumprimento das súas obrigas.
Novas relacionadas
- Agosto 2020: Camariñas, un dos poucos Concellos que lembra as obrigas aos propietarios da limpeza das parcelas forestais.
- Xullo 2020: Santa Comba tamén obriga aos propietaron a limpar as súas parcelas.
- Maio 2020: Ponteceso lembra a obrigatoriedade de manter limpas as fincas para previr os incendios.
- Febreiro 20: Camariñas tamén apura aos propietarios a limpar as fincas.
- Agosto 19: Ponteceso atrévese a meter man na xestión das franxas antiincendios.