Luns. 07.10.2024
El tiempo

Medio millar de mulleres acodiron ao CIM da Laracha durante o 2022

Desartellando Mitos copia
Medio millar de mulleres acodiron ao CIM da Laracha durante o 2022

Cada vez o Centro de Información ás Mulleres (CIM) é un recurso máis coñecido e máis valorado pola veciñanza. Xa vimos as cifras do CIM de Zas, e hoxe é o da Laracha o que expón o balance do ano en materia de apoio ás mulleres.

As cifras indican que ao longo do ano 2022 no CIM foron tramitados un total de 485 expedientes e atendidas 1.972 consultas.

Ademais, realizáronse 22 accións clasificadas en sete áreas de actuación diferenciadas. En relación á loita contra a violencia de xénero, cabe sinalar o programa de intervención con nenas e nenos vítimas, o servizo telefónico de atención e protección ás vítimas (ATENPRO) e as mesas de traballo sobre coordinación interinstucional relativas a esta temática nas que se conta coa implicación dos profesionais das distintas forzas e corpos de seguridade, dos centros de ensino e do centro médico da Laracha.

Ademais, desde o CIM xestiónase o Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha, que vén de incorporar o servizo de Canguros para a atención domiciliaria.

E tamén se realizaron programas municipais de actividades para conmemorar o Día das Mulleres (8 de marzo), o Día das Mulleres Rurais (15 de outubro) e o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (25 de novembro).

Como preguntar

O CIM da Laracha está a disposición da cidadanía no edificio administrativo (Avenida Fisterra, 60). O seu horario de apertura é de luns a venres de 8:30 a 15:30 horas, coa excepción do xoves, que é de 8:30 a 15:00 h pola mañá e de 16:00 a 20:00 h pola tarde.
O centro, adscrito á Concellería Igualdade, proporciona con carácter permanente asesoramento e atención xurídica e psicolóxica, asistencia específica a vítimas da violencia de xénero, información sobre recursos e axudas e orientación profesional e para o emprego, ademais de organizar directamente programas de promoción da igualdade e iniciativas formativas e informativas sobre cuestións de interese para as mulleres.

Novas relacionadas

Comentarios