Os obradoiros do 25N invaden de igualdade os Institutos da Laracha
Arrrincaron, no IES Agra de Leborís, as actividades do programa municipal de obradoiros de prevención das violencias machistas polo 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Porque o Concello considera que este tipo de intervencións nas aulas resultan fundamentais para construír contornas máis igualitarias e seguras, acompañando á mocidade nun momento clave da súa aprendizaxe e socialización.
As sesións, que continuarán realizándose no centro de ensino ata as datas previas ás festas do Nadal, están coordinadas polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e pola técnica municipal de igualdade en estreita colaboración co equipo directivo e o profesorado do instituto.
O programa vai dirixido ao alumnado de todos os cursos da ESO e procura ofrecer ferramentas prácticas que axuden a comprender, identificar e previr as distintas formas de violencia machista que poden aparecer tanto no ámbito persoal como no dixital. A metodoloxía empregada aposta por dinámicas participativas e actividades de carácter lúdico que facilitan á rapazada expresar as súas dúbidas, desmontar estereotipos e reflexionar de maneira crítica sobre as relacións afectivas e a convivencia.
Durante as diferentes sesións trabállanse cuestións como o consentimento, a comunicación respectuosa, os mitos do amor romántico, a detección de sinais de control e a importancia dunha educación afectivo-sexual baseada no respecto e na igualdade. Ademais, facilítase información clara sobre os recursos municipais e educativos aos que poden acudir en caso de necesidade.

Ademais destes obradoiros no IES Agra de Leborís, a programación municipal en torno ao 25N inclúe outras iniciativas como a charla sobre agresións sexuais e violencia sexual, o obradoiro Escape Room: O enigma da igualdade, as obras teatrais Feminísimas e Vicio houbo sempre, así como a V Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas. Todas elas compoñen unha proposta integral que combina sensibilización, educación e participación cidadá.

