As obras de abastecemento solventarán os problemas de presión da Laracha

Xa o anunciouo Concello hai pouco, pero onte tiña lugar a rúbrica do convenio entre Concello da Laracha e Xunta para a ampliación da rede de abastecemento de auga. Son 1,8 millóns de euros (o 80% a cargo do ente autonómico) para executar as infraestruturas hidráulicas prioritarias para facer fronte á demanda de auga no municipio en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial.
Se ben Augas de Galicia será a executora, o Concello terá que asumir a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
Son obras moi necesarias pois hai zonas onde non hai presión suficiente nas villas, e outras zonas onde non hai capacidade suficiente de almacenamento.
Así, nunha primeira fase realizarase a ampliación da estación de tratamento de auga potable, a construción dun novo bombeo e dun novo depósito de auga potable, que mellore o funcionamento da rede de abastecemento deste concello.
Con esta intervención a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes.
Obras na comarca
Paralelamente, a Xunta vén de dar conta dos case 300.000 que a Xunta inviste na execución de obras de saneamento e abastecemento nos Concellos de Cabana, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Laxe.
CONCELLO | SISTEMA | TÍTULO PROXECTO | ACHEGA AUGAS DE GALICIA |
Cabana | Abastecemento | Substitución de tubaxe de distribución de auga á saída do depósito de Picón | 48.399,09 € |
Cabana | Saneamento e depuración | Melloras na automatización da E.D.A.R. de Lodeiro | 48.390,99 € |
Corcubión | Saneamento e depuración | Mellora do saneamento na Rúa Camiño do Carro e O Vilar | 50.000,00 € |
Dumbría | Saneamento e depuración | Ampliación da rede de saneamento na parroquia de Ézaro | 50.000,00 € |
Fisterra | Saneamento e depuración | Mellora do saneamento na rúa Federico Ávila. Fase 1 | 50.000,00 € |
Laxe | Abastecemento | Mellora da rede de abastecemento municipal de laxe | 47.895,97 € |