A potabilizadora da Laracha, que aumentará a capacidade de bombeo nun 50%, estará lista en xuño

Visita institucional esta mañá de martes ás obras de mellora da potabilizadora da Laracha. Unhas obras que permitirán incrementar a capacidade de bombeo nun 50% e do depósito nun 130% cun investimento de 1,8 M€.
Na visita destacaron a necesidade de ser máis resilientes fronte a eventuais períodos de escaseza, ademais de atender a demanda de auga en época estival e poder abastecer, no futuro, tamén ao parque empresarial do municipio.
As obras, que comezaron a finais de outubro, centráronse ata agora na preparación do terreo e continuarán esta semana coa execución da gabia drenante baixo o depósito e outros traballos nesta contorna. Procederán á instalaración dun novo bombeo en alta de 60 l/s, fronte ao de 40 l/s actual; construirase un depósito de auga potable con dous vasos independentes pero capacidade total de 2.300 m³ para almacenamento de 24 horas de consumo, fronte aos 1.000 m³ do actual; e executarase unha rede de impulsión entre a potabilizadora e o novo depósito.