martes. 16.09.2025
El tiempo

Preguntan polo estado de abandono do Centro Sociocultural da Insua de Caión

Ines Ramos no Centro da Insua de Caion
Ine és Ramos no Centro da Insua de Caión
Preguntan polo estado de abandono do Centro Sociocultural da Insua de Caión

O Grupo Municipal Socialista de A Laracha denuncia o estado de abandono e desuso no que se atopa o Centro Sociocultural da Insua en Caión, un espazo público “que podería ser de grande utilidade para a veciñanza e, en especial, para a rapazada da parroquia”, segundo explicou a voceira.

Inés Ramos, detallou que actualmente o local presenta un estado “lamentable” e non se lle está a dar un aproveitamento axeitado, malia estar situado ao carón dun centro educativo con máis de 60 nenos e nenas. “Estamos a falar dun espazo que debería servir para actividades culturais, educativas e de ocio durante todo o ano, pero que, pola inacción do goberno municipal, permanece practicamente sen vida”, apuntou.

Ramos subliñou que “se un local público non está aberto á veciñanza, non é servizo, é abandono”. Asegurou que resulta unha contradición ter un edificio como o Centro Sociocomunitario de A Balea, de recente construción e cun investimento superior ao millón de euros, a escasos metros do Centro da Insua, e que tampouco está a ser aproveitado como debera. “Non abonda con construír infraestruturas ou gastar cartos en obras se logo non se lles dá vida. O que precisa a veciñanza son espazos vivos, útiles e cunha programación estable”, afirmou.

A voceira lembrou que moitos nenos e nenas acoden ao centro sociocultural da Insua para realizar actividades como clases de pintura, mais as instalacións presentan “condicións deplorables”, o que impide un uso adecuado por parte das familias.

Criticou tamén que o centro sociocomunitario de A Balea permaneza pechado polas mañás, "mesmo cando dispón de aulas de estudo que poderían ser empregadas polo alumnado, e que non exista unha programación estable de actividades de calidade nin no inverno nin en época escolar", explicou a voceira.

Dende o Grupo Socialista reclaman ao Concello da Laracha a posta a punto inmediata das instalacións do centro sociocultural da Insua de Caión, a ampliación dos horarios de apertura, incluíndo as mañás do centro sociocomunitario, e a posta en marcha dun plan de dinamización con actividades culturais, educativas e deportivas que dean resposta ás necesidades da infancia e da mocidade de Caión e arredores. 

Comentarios