UNICEF recoñece oficialmente á Laracha como "Cidade Amiga da Infancia"

Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes

Conseguiuno, despois de varios anos, UNICEF vén de recoñecer oficialmente ao Concello da Laracha como Cidade Amiga da Infancia. 

Unha carreira que comezaba en 2023 coa creación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA), a folla de ruta que guía a estratexia municipal nesas materias, e que culmina con este recoñecemento, un fito no camiño emprendido para poñer ás nenas, nenos e adolescentes no centro das políticas municipais.

Cómpre sinalar que se ben Carnota foi distinguido en 2018, neste ano só dous concellos galegos recibiron a distinción, o que reforza o valor e o impacto do traballo desenvolvido no noso territorio.

O recoñecemento supón un aval ao modelo de xestión municipal relativo á participación infantil e á defensa dos dereitos da infancia a través de accións continuadas e estruturadas.

Dende o Concello poñen en valor a posta en marcha do PLIA, e poñen de exemplo destacado, o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e
Adolescentes (EPIA), que continúa a medrar e a desenvolver iniciativas relevantes. Entre elas destaca a presenza na semana pasada no XIII Foro UNICEF celebrado no Parlamento de Galicia, onde o grupo puido expoñer as súas visións e contribucións sobre os dereitos da infancia, demostrando a súa implicación activa e o compromiso municipal por escoitarlles e darlles voz. Tamén estiveron no IV Encontro galego de participación infantil e adolescente celebrado en Nigrán.

E o martes 2 de decembro ás 11:30 horas celebrarase na Casa da Cultura da Laracha o segundo Pleno Infantil municipal.

O Concello celebra este recoñecemento como un éxito colectivo, resultado da implicación da administración local, das familias, da comunidade educativa, das entidades sociais e, especialmente, da propia infancia e adolescencia, que co seu esforzo e ideas contribuíron a definir un municipio máis máis inclusivo e preparado para construír futuro.
O acto público de entrega do distintivo ás novas entidades locais recoñecidas como Cidades Amigas da Infancia terá lugar o 9 de decembro en Madrid, nun evento organizado por UNICEF España.

O Concello inicia agora unha nova etapa coa responsabilidade e a ilusión de seguir avanzando e consolidando políticas que favorezan o benestar, a participación e os dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes do municipio.

Máis novas