Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Volven as risas á Laracha co Festival do Humor

Festival Humor Laracha
Volven as risas á Laracha co Festival do Humor

O Concello da Laracha renova a súa aposta por ofrecer espectáculos cómicos de alta calidade na 8ª edición do Festival de Humor, un programa xa consolidado como un dos grandes referentes nas propostas culturais municipais da primavera.

Nesta edición volverase contar cun cartel de luxo, con catro monólogos a cargo de coñecidos cómicos de referencia en Galicia e España. As entradas sairán á venda este martes (26 de abril) e poderanse adquirir no Concello ao prezo reducido de 5 euros por cada espectáculo.

Oswaldo Digón, un dos cómicos galegos de referencia no panorama actual, abrirá o cartel o venres 6 de maio con Outra movida, unha recompilación de contos baseados na súa propia vida.

O sábado 14 será a quenda para Xavier Deltell. O actor catalán, coñecido polas súas intervencións en programas como Crónicas Marcianas, Mira quién baila e, na actualidade, na serie La que se avecina, trae por primeira vez a Bergantiños o seu monólogo-show interactivo musical Dando la nota, co que asegura fará ao público rir, cantar e bailar.

A cita do venres 20 será con Quico Cadaval, o considerado mestre de todos os contadores de historias galegos. O cómico ribeirense deleitará ao público presente co seu peculiar xeito de entender a vida e contar as cousas que suceden ao seu arredor.

O festival pecharase o venres 27 con Carmen Alcayde. A polifacética xornalista, presentadora e escritora valenciana presentará por primeira vez en Galicia Menuda Pájara, un monólogo de creación propia no que fala sen pudor das etapas que marcaron a súa vida, sen ter piedade nin con ela mesma nin con todos os demais.

Comentarios