A comunidade educativa mata as Reválidas e dille non á Lomce

08:17 27/10/16









Manifesto “Non ás Reválidas” da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
O estabelecemento da proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Responden, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades. É unha tiranía exixirlle ao alumnado que se xogue o seu futuro académico co resultado dunha reválida. É unha aberración, desde o punto de vista pedagóxico, sometelo a unha presión innecesaria, mediante probas que o vai avaliar baixo estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que considerar as circunstancias persoais e socioeconómicas e as capacidades e actitudes do alumnado. Só avalían certas áreas de coñecemento, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical e refusando o ensino da nosa historia e medio natural, imprescindíbel para a formación integral do alumnado. Recentralizan o sistema educativo, dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis serán fixados polo Ministerio de Educación, rexeitando así o estudo e coñecemento de todo o que nos conforma como pobo galego. Desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, cando ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar. Subestiman e desconfían do traballo do profesorado que estará totalmente sometido e condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais para acadar unha formación o máis completa posíbel. Responden á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista que contará con máis medios e recursos. Pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo. Continúan cunha desconsideración absoluta co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, co profesorado que o atende e coas súas familias, deixando á improvisación todo o relacionado coa organización das probas para este colectivo. – Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.Novas relacionadas
- 26-10-16: A LOMCE e as Reválidas baleiran as aulas de Muros.
- Setembro 2016: Os socialistas critican a mingua da calidade do ensino na comarca de Bergantiños.
- Setembro 2016: En marcha un novo curso escolar.
- Xullo 2016: A federación de ANPAS Costa da Morte fai balance do ano académico.
- Xuño 2016: Versos como balas contra a LOMCE.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Imaxes: Rafael Quintáns