Luns. 21.10.2019
El tiempo

A Deputación pide cooperación aos Concellos para sacar adiante o Parque do Megalitismo da Costa da Morte

A Deputación pide cooperación aos Concellos para sacar adiante o Parque do Megalitismo da Costa da Morte
Alcaldes da area doParque do Megalitismo da Costa da Morte na Deputacion Alcaldes da área do Parque do Megalitismo da Costa da Morte na Deputacion

Parece que vai en serio. Hai un mes anunciaba a recuperación do proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, e semella que a proposta non caeu en saco roto. A entidade provincial vén de presentarlle o proxecto a concellos da zona.

Foi no día de onte, durante a reunión que servía para presentar o proxecto do Centro BTT Costa da Morte, cando Xosé Regueira, o carballés responsable da área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, explicaba as principais características dun convenio colaboración supramunicipal co que dende a institución provincial se pretende impulsar a posta en valor dos elementos megalíticos que posúe no seu territorio.

A xuntanza, a primeira na que participaron alcaldes, concelleiros e secretarios de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Vimianzo e Zas, serviu para expor os principais apartados dun convenio de colaboración, que de ser aprobado por cadanseu pleno municipal e, posteriormente, no pleno provincial, terá consignada unha partida orzamentaria de 500.000 euros por parte da Deputación da Coruña.

Regueira valora fundamental a cooperación dos Concellos nesta iniciativa que pretende incidir na socialización e divulgación dos recursos patrimoniais que posúe o seu territorio abordando a optimización e homoxeneización da sinalización dos monumentos, a mellora da súa accesibilidade, a elaboración de diferentes plans de comunicación e educación e, incluso, valorar a posible adquisición daquel patrimonio histórico que se atope en mans privadas.

Nestes momentos, a institución provincial remitirá un borrador do convenio marco a cada un dos concellos, que xunto coa Deputación xestionarán durante os vindeiros catros anos de forma conxunta as actuacións e actividades que se realizarán ao redor dos diferentes monumentos megalíticos. Así, durante este período de análise, os concellos terán a posibilidade de achegar as propostas e melloras que consideren oportunas sobre o documento inicial.

Máis novas megalíticas

Fonte

Comentarios