Venres. 19.04.2024
El tiempo

Adrián Torrado: "Seguro que hai xente coas mesmas barreiras ca min e igual necesitan un empurrón para rompelas"

  • Os protagonistas desta fermosa historia de superación van compartir a súa historia co alumnado do IES de Baio
Juan Diaz e Adrian Torrado no IES de Baio neste novembro de 2022
Juan Diaz e Adrián Torrado no IES de Baio neste novembro de 2021
Adrián Torrado: "Seguro que hai xente coas mesmas barreiras ca min e igual necesitan un empurrón para rompelas"

A de Adrián Torrado é unha historia de superación desas de libro. Un deses exemplos que nos poñen de cara que con traballo, esforzo e dedicación pódese conseguir todo. Ata andar!

Adrián naceu prematuro. A súa nai apenas estaba embarazada de 6 meses cando Adrián, en plena Ponte da Pasaxe (entre Coruña e Oleiros), dixo que xa lle chegaba. Aos 3 días tivo unha meninxite que lle provocou unha parálise cerebral que acabou provocando serios danos de visión e de mobilidade.

A súa infancia pasouna nunha carreira de rodas en Anos, Cabana. No CEIP Labarta Pose facía vida normal, se ben sempre estivo exento de ir a Educación Física ao ter unha discapacidade do 79%.

Ata que se cruzou na súa vida Juan Díaz, xusto ao entrar no IES Maximino Romero de Lema. Era o mestre de Educación Física, que o retou a sumerxirse nun mundo novo. Coa colaboración dos mestres Marco Lamela e Jorge Eijo, Adrián comezou adestrar, tanto na hora de E.F. coma nos recreos.

Eran tempos de máximo esforzo, coas súas imprescindibles citas diarias no ximnasio para o adestramento deportivo, como se se tratase dun deportista de alta competición. Acababa “rebentado” cada día, recoñece, pero pouco a pouco a cousa foi mellorando. Ademais, contaba coa colaboración dos seus compañeiros, que sempre se portaron de marabilla con el. “Nunca me sentín discriminado por ter a minusvalía no instituto. Con moitos aínda teño relación, de feito”, apunta satisfeito.

A base de esforzo, comezaron a chegar os resultados. Con 13 anos xa era capaz de poñerse de pé (nunca o fixera, case que nin o intentara) e con 16 xa cambiaba a cadeira de rodas polos andadores. Dende esa, cambioulle a vida e agora aos seus 33 anos pode ata pasear.

Adrian Torrado 2003 en 2006 e 2013

A día de hoxe compaxina os traballos esporádicos a través de COGAMI, coa súa actividade na rede como @torradinho07 e como CM do Club de fans de Estíbaliz Veiga.

”Fixemos un traballo vangardista”

Adrian Torrado con Juan Diaz en 2020

A outra parte protagonista, Juan Díaz, tardou en decatarse da que estaban liando. “Aquí xuntáronse os astros, toda a comunidade escolar, a súa familia… Por exemplo o seu avó, foi moi importante”, recoñece o mestre. Conta que con Adrián empezaron 3 rapaces, pero os outros dous, por diversas causas non puideron continuar demasiado tempo. “Pero Adrián, co seu ímpeto e o seu entorno conseguiu aguantar traballando arreo durante 7 anos”, valora Díaz. “Realmente, véndoo con perspectiva, fixemos un traballo vangardista vinculando a toda a comunidade escolar no desenvolvemento físico deste rapaz”.

Pasaron media ducia de anos dende que Adrián marchou do Instituto. Durante un par conseguíu manter as sesións de “teletraballo” coa axuda da familia, pero pouco a pouco foi deixando a actividade física. “En 2020 volvímonos ver, e a pesar do tempo que pasara sen facer traballo específico, e malia estar fóra de forma, a pegada cerebral segue viva”, conta Díaz.

Agora, todo ese traballo de campo o recolle no blog efsalvadormadariaga.blogspot.com, con imaxes, presentacións, vídeos, análises…

Presentación en Baio

”Ía ser unha historia que ía quedar entre nós, pero unha irmá de Juan dixo que tiñamos que contalo para que todo o mundo vexa, e porque seguro que hai aí outros rapaces que teñen as mesmas barreiras e igual necesitan un empurrón para rompelas”, explica Adrián sobre a campaña de divulgación que están realizando nos últimos meses.

A idea é que levar esta historia de superación por todos os sitios onde poidan, e a primeira foi no seu IES Máximo Romero de Lema.

”Non é extraordinario; con traballo e esforzo pódese todo”, como quere trasladar este protagonista.

Comentarios