Venres. 11.10.2024
El tiempo

Buserana propón aos Concellos da bisbarra asinar un Pacto contra a Violencia de Xénero

Buserana propón aos Concellos da bisbarra asinar un Pacto contra a Violencia de Xénero
Pancarta-Buserana-O-Machismo-MataPaso adiante da Asociación Feminista Buserana ante o aumento do terrorismo machista nas últimas datas. A única entidade que vela polos intereses das vítimas e por mitigar unha das grandes eivas da nosa sociedade, vai realizar unha acción simultánea nos Concellos da Costa da Morte.

Buserana está facendo entrega en tódolos rexistros dos concellos da comarca a moción “PACTO PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO” para que sexa presentada e aprobada nos plenos municipais. Os concellos aos que se fixo chegar a iniciativa son: Coristanco, Carballo, Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Zas, Camariñas, Muxía, Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Mazaricos, Carnota e Muros. A aprobación desta moción significará unha toma de postura activa por parte dos municipios na loita contra a violencia machista.

Así, dita iniciativa insta ás corporacións locais a facer unha Declaración Institucional tomando partido de forma activa nesta loita, comprometéndose nunha serie de medidas como son engadir dentro das partidas orzamentarias correspondentes os fondos necesarios para levar a cabo actividades de sensibilización e de prevención da violencia de xénero; a coordinación cos centros educativos e cos centros de saúde para a prevención e detección de casos de maltrato ou elevar ao Goberno Autonómico e Central a petición de medidas urxentes que son detalladas na moción.

A asociación solicita que se faga chegar o texto a todos os grupos con representación política e sexa levado aos plenos para acadar acordo sobre o mesmo.

A idea da entidade é que “toda a Costa da Morte formemos un berro unánime por riba de cores políticas para rexeitar e acabar dunha vez por todas co terrorismo machista que tantas vidas está levando por diante (non só as das víctimas que se contabilizan)”.

Para Buserana “o ideal sería acadar un pleno apoio a esta moción nos concellos da Costa da Morte e animan ás asociacións feministas doutras comarcas a levar a cabo esta iniciativa, porque o que temos claro na nosa organización é que as vítimas non están soas, e que nós non imos dar nin un paso atrás”.

Este é o rtexto completo da moción:

“PACTO PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: Ante o feminicidio imparable que deixa en España nos primeiros cinco meses do ano 30 mulleres asasinadas, o que supón unha media dunha muller asasinada cada cinco días, o 47% máis que no mesmo período do 2016. Ante os centos de casos de maltratos, abusos, acosos, violacións. Ante unha violencia que deixa a fillos sen nais e nais sen fillos, 14 menores orfos, 6 menores asasinados (5 mais que no mesmo período do 2016), dos cales a 3 os mataron xunto ás súas nais e os outros 3 foron asasinados como castigo en vida das proxenitoras. Ante este aumento do terrorismo machista polo que mulleres e crianzas son asasinadas ante a máis absoluta indolencia dos gobernos, as institucións e os poderes públicos, que non manifestan ningún interese en acabar co machismo, nin cos privilexios que sustentan o patriarcado. Ante á normalización dos maltratadores e asasinos de mulleres: nais, fillas, veciñas, amigas. Ante á normalización dos parricidas. Fartas de que para os medios de comunicación estas mortes sexan meros sucesos. Fartas de discursos baleiros e hipócritas. DECIMOS BASTA, non aguantamos ningún asasinato máis. ASFIXIADAS pola impotencia ante o continuo goteo de asasinatos de mulleres, de menores. Mortes anunciadas que ninguén quere evitar. INDIGNADAS por Pactos de Estado, carentes de fondos para o seu desenvolvemento e aplicación. UNIDAS polo obxectivo común de manifestar un rotundo rexeitamento á pasividade cómplice dos poderes públicos, así como a exixencia innegociable de partidas orzamentarias en cada unha das administracións públicas suficientes para desenvolver as actuacións necesarias para a erradicación desta lacra social. Cómpre por tanto sumar forzas, unir sinerxías para ERRADICALA e para acadar a igualdade real entre as mulleres e homes, por elo e para que xurda desta Comarca da Costa da Morte, unha iniciativa conxunta das corporacións locais que a conforman: SOLICITAMOS ao Pleno de Corporación de ___________________ que adopte o seguinte acordo:
  • 1º.- Que o goberno municipal faga unha Declaración Institucional tomando partido de forma activa na loita contra a violencia machista.
  • 2º.- Que o goberno municipal se comprometa a tomar medidas ao seu alcance como son: - Actos de visibilización do rexeitamento a cada un dos asasinatos que se cometan, nomeadamente: bandeiras a media asta, concentracións ás 12 do mediodía do día seguinte diante da Casa do Concello con convocatoria pública para implicar á veciñanza. - Engadir dentro das partidas orzamentarias correspondentes os fondos necesarios para levar a cabo actividades de sensibilización e de prevención da violencia de xénero. - Coordinación cos centros educativos do municipio para levar a cabo actividades que fomenten a igualdade - Coordinación cos centros de saúde para a prevención e detección de casos de maltrato establecendo un protocolo de actuación.
  • 3º.- Que o pleno municipal eleve ao Goberno Autonómico e Central a petición de medidas urxentes como son: - Un Pacto de Estado e Autonómico contra a violencia de xénero cunha partida orzamentaria propia que permita o seu desenvolvemento e aplicación. - Dotación dunha partida orzamentaria que permita a posta en marcha de medidas urxentes de loita contra a violencia de xénero e protección real das vítimas. - Medidas urxentes de protección ás/os menores fillas/os dos agresores. - Modificación da lei de educación dando cabida de forma explícita áeducación para a igualdade a tolerancia. - Posta en marcha de protocolos e medidas eficaces que permitan unha protección inmediata das vítimas durante e trala denuncia, garantindo a súa integridade. - Maior penalización de condutas machistas constitutivas de maltrato ou apoloxía do mesmo.4o.- Dar traslado do acordo que se adopte co texto íntegro da presente moción ao Presidente do Goberno, ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Presidente da Mesa do Parlamento de Galicia e ós voceiros dos grupos parlamentarios do Parlamento Galego.
- Cristina Ledo, presidenta da Organización Feminista Buserana.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios