Venres. 19.04.2024
El tiempo

Cabana viaxará ao Medievo por unha noite

Cabana viaxará ao Medievo por unha noite
O vindeiro sábado, 13 de agosto, a aldea cabanesa de Riobó acollerá a cuarta edición de Unha Noite no Medievo. Entre as actividades, haberá de todo e para todos. Comezarán ás 17:00h con paseos a cabalo. O percorrido iniciarase no lugar de Riobó e irá ata a Torre da Penela para voltar ao inicio. Os pequenos poderán entreterse tamén dende as 17:00h con inchables. Xogos tradicionais ou ferradura tampouco faltarán. No eido gastronómico, degustaranse de xeito permanente bolos preñados, queixo, pan, empanadiñas, bolos do pote, churrasco, chourizos crioulos, café de pota, espitas de cervexa, queimada e mexillóns. En canto á artesanía, dende as 17:00h abrirase unha exposición e faranse demostracións artesanais ao vivo de cesteiros, carpinteiro con modelos en miniatura, colareiras, zapateiros, xaboeiras, pintores, canteiros ou ceramistas. Pregón e prevoda O pregón será ás 19:00h, e será a ritmo de regueifa con Fermín da Feira Nova, orixinario do lugar da Silvarredonda, en Cabana. Quince minutos despois, será a quenda para a recreación histórica coa escenificación da obra de teatro “Arrieiros”, a cargo do grupo Os Quinquilláns. Ás 20:15h será momento para o convite, con pan e queixo para todos os asistentes. E xa ás 20:30h chegará a prevoda medieval. Coa presentación da actriz Tamara Lema Rodríguez, desenvolverase unha prevoda ó xeito medieval para todas aquelas parellas de solteiros, con compromiso de voda próximo, que así o desexen. A noite terá un broche de ouro cunha proxección documental sobre a parroquia de Riobó, da man de Ángel Eiroa, e logo coa música dos laxenses de O Tren da Unha.

Novas relacionadas

Fonte

  • Notas de prensa do Concello de Cabana de Bergantiños.

Comentarios