Dez persoas usuarias de Íntegro gozan dos beneficios da natación terapéutica
A asociación Íntegro volve poñer en marcha unha nova edición do curso de natación terapéutica que leva desenvolvendo desde hai máis dunha década na piscina municipal de Cabana de Bergantiños co obxectivo de mellorar a coordinación, o equilibrio e a autonomía persoal das persoas con diversidade funcional.
De outubro a xuño, dez persoas usuarias do centro de Nantón están a beneficiarse desta actividade complementaria, que mestura saúde, deporte e diversión, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia de Íntegro. ,. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.
Como en edicións anteriores, esta actividade, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo, pero tamén lúdico, ten unha periodicidade semanal, desenvolvéndose xeralmente os venres, de 10.45 a 11.30 horas. Acompañados/as de dúas monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada, o alumnado non só aprende a nadar, senón que tamén realiza exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercuten positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.
Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son dez os beneficiarios/as deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente.