Luns. 30.11.2020
El tiempo

O home que asasinou á súa muller en Cabana é condenado a 26 anos e medio de cárcere

Zona onde acontecera o asasinato machista no lugar da Tras da Agra, Canduas
Zona onde acontecera o asasinato machista no lugar da Tras da Agra, Canduas
O home que asasinou á súa muller en Cabana é condenado a 26 anos e medio de cárcere

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, condenou a 26 anos e medio de cárcere e a dez anos de liberdade vixiada ao home que asasinou á súa muller en Cabana de Bergantiños en agosto de 2018. Así, sentenciouno a 24 anos de prisión polo delito de asasinato, concorrendo as agravantes de xénero e de parentesco, e a dous anos e medio de cárcere polo delito de tenencia ilícita de armas. Ademais, impúxolle a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 500 metros dos seus dous fillos, da nai e dos tres irmáns da vítima durante 27 anos.

As probas tidas en conta polo xurado, segundo a Audiencia, permiten “inferir de maneira clara e contundente” que o acusado disparou en tres ocasións á vítima “de maneira súbita e inesperada”, polo que non se puido defender. “O carácter sorpresivo da agresión é o que suprime a posibilidade de defensa, posto que quen non espera o ataque dificilmente se pode preparar contra el e reaccionar, na medida do posible”, salienta a Audiencia.

O tribunal do xurado tamén considerou probado por unanimidade que o acusado maltrataba psicoloxicamente de maneira habitual á súa esposa e, en ocasións, fisicamente, así como que “a menosprezaba, exercendo un control sobre ela”.

Novas relacionadas

comentarios