Martes. 19.03.2024
El tiempo

José Blanco Allo: A historia do emigrante aventureiro e emprendedor marcada por Eros Ramazzotti, os eólicos e MyWay

Jose Allo empresario de Cabana
Jose Blanco Allo
José Blanco Allo: A historia do emigrante aventureiro e emprendedor marcada por Eros Ramazzotti, os eólicos e MyWay

José Blanco Allo naceu no marabilloso entorno de Cabana de Bergantiños, concretamente na aldea de Neaño, rodeado dunha gran tradición popular e musical, tanto así, que a gaita galega se converteu nunha inseparable e fiel compañeira. Con tan só 15 anos e quince días antes da celebración da coñecida festa patronal de Sanfíns do Castro, emprendeu a súa viaxe a Xenebra. Esta primeira aventura como emigrante duraría pouco pois as ganas de disfrutar de este evento fixeron que seu tío os achegara a él e máis ao seu irmán Pedro dende Xenebra a Barcelona en coche e, dende alí, rematar toda unha odisea de 24 horas ata Galicia.
Porén, pasada a romaría e un par de anos, retomou a aventura de emigrante e, xunto con tres persoas máis, o bombo, o tambor e a gaita, subiuse nun taxi rumbo á cidade de Délemont onde o agardaban seus tíos. Alí estivo traballando uns meses en negro ata que conseguiu un contrato laboral grazas ao señor Blanco de Torelo. Ao mesmo tempo e, grazas á paixón pola música tradicional e a gran demanda que en Suiza existía, impartiu clases no centro galego Rosalía de Castro de Berna durante a semana e o fin de semana en Délemont.
Tras dúas tempadas por terras helvéticas e, tras namorar no Plazadoiro de Laxe, como el mismo conta, dou por finalizada a aventura suiza. De volta en Galicia desempeñou diversos traballos en pizzerías e nos eólicos de Malpica. Tras finalizar o traballos nestes grandes muíños modernos e, habendo poucas ofertas laborais na zona, José e a súa muller decidiron aferrarse a unha nova oportunidade no extranxeiro. Esta vez sería, nin máis nin menos, que traballar en Inverigo (Como, Italia) para un gran artista de recoñecida fama internacional, Eros Ramazzotti e a súa familia. Atrás quedou un fillo pequeno ao coidado da súa nai Julia durante tres anos.

"A experiencia foi óptima. Vivín a vida de rico traballando como doméstico. Coñecín a artistas como Tina Turner ou Laura Pausini, corredores da fórmula 1 como Jean Alessi, etc. Observei como é moverse con vehículos de alta gama, avións privados, gardaespaldas... Ter unha vivenda de 4000 metros cadrados onde ata os cans teñen unha gran casa tamén" Así recordaba José Blanco o seu paso pola casa de Eros.

Casa dos cans de Eros Ramazzoti copia
Así era a casa dos cans de Eros Ramazzoti

A separación do seu fillo foi o detonante decisivo para voltar a Galicia unha vez máis.

"A miña muller atopou traballo no Corte Inglés e eu reenganchei de novo na empresa dos eólicos. Traballaba por toda España ata que a empresa se expandiu a países extranxeiros. Saiu un traballo en Italia e, como eu falaba a lingua, alá me fun. Así comezou a miña nova aventura internacional”.

Jose Blanco Allo traballando para eolicos

Dous anos en Italia, 8 meses por Nápoles, un ano por Calabria, 8 meses en Marrocos, outro ano en Xapón, Francia, Holanda, Brasil... e así durante 19 anos máis fóra da casa e lonxe da familia. Tres meses traballando e unha semana na casa.

Orgulloso de todo o que aprendeu polo mundo que lle permitiu millorar sempre a súa situación laboral, decidiu subirse ao tren que pasou unha vez máis por diante da súa porta con destino CASA.

"Á volta esperaba máis unión entre a xente. Estou encantado de poder vivir ao carón da miña muller”.

Hoxe en día, este amante da ribeira, da terra que lle deu a vida e da música , xestiona O Rueiro de Rurú, unha casa rural en propiedade situada en Cabana de Bergantiños que compaxina co proxecto musical MyWay xunto ao seu primo Tino Cousillas Vázquez.

Ambos forman parte de un importante legado musical deixado polos músicos Jay-Jay, Manolo de Xusto e Plácido Vigueret. Dende pequenos o folclore tradicional galego formou parte das súas vidas. Foron integrantes dos zoquiños de Cabana, unha formación de gaitas aló polo 1979. A súa música sempre transcorreu ao arredor de Neaño coas foliadas do entroido, os cantos da noiteboa e honrando a Sanfíns do Castro. O son da gaita con MyWay naceu fai dous anos coa finalidade de mostrar que unha gaita da máis alá dunha muiñeira, unha xota ou un pasarrúas.

MUsicos de Cabana

"Aínda que guste moito o folclore galego queremos introducir outros estilos musicais. A gaita da todo, tanto toca un tango ou un pasodoble como unha muiñeira ou un himno galego. Tanto podemos facer unha foliada como tocar pezas autóctonas como arriscar con outros estilos que ofrecen un cambio de ritmo no escenario que nos permite chegar a todo tipo de público”.

Na simplicidade e innovación das versións atópase a clave do éxito deste grupo que, por contrapartida, atopa algunha que outra porta pechada por ter un estilo ao seu xeito que moitos aínda non saben moi ben cómo encaixalo en diversos eventos ou celebracións. Hai un 50% de discrepancias cando se trata da súa participación nunha foliada, nun día de Galicia ou calquera outra festa da cultura musical galega. O nome MyWay, aínda que José Blanco e Tino Cousillas, buscaron algo doado e curto que reflexase ó facer a música á súa maneira, tamén parece ser un obstáculo para algúns organizadores.

"Encantaríame participar en máis celebracións, principalmente da nosa zona. A gaita da con todo, tanto cun teclado como cun tambor. A xente xa nos chama os myway e os máis vellos, mivai. Sempre se necesita respaldo para poder continuar”.

O son da gaita con My Way é, sen dúbida, algo distinto que gusta e así o demostraron facéndose virais nas redes durante o confinamento coa versión personalizada do Resistiré superando as 150000 reproduccións grazas a difusión dun emigrante venezolano residente en Ourense. A historia de José Blanco Allo, máis coñecido por José da Caldeireira, é a de tantos outros emigrantes aventureiros ou non que pasaron a metade da súa vida fóra de Galicia. Unha vida marcada pola morriña, polas raíces, pola familia, pola emigración e polas ganas de voltar e facer o que millor sabe porque o leva escrito no seu ADN, a música.

O Grupo MyWay de Cabana
O grupo MyWay en plena sesión

Comentarios