Localizan un cadro inédito de Urbano Lugrís nun domicilio da Costa da Morte
Trátase dun óleo sobre taboleiro da súa etapa final, última obra coñecida realizada do autor co título “Arousa. Ano Santo 1971”. Un colorido cartel que espreme unha variada gama de verdes, vermellos, azuis, brancos mostrando un cuarto cunha xanela de cortina descorrida, aberta a un balcón e un anaco de mar onde navegan tres velas brancas. Sobre unha mesa de castiñeiro de rugosas veas póusase unha fermosa buguina mariña, unha estilizada pipa de sepiolita ou escuma de mar e un curioso farol de gas en catro pezas de distinta cor, cuxa base é unha goleta de tres paus dentro dunha botella. Na parte inferior esquerda indícasenos “ANO SANTO 1971”, en pequenas letras grises en maiúscula e números en azul mariño. Na parte superior en grandes letras en minúscula lemos “arosa”, o tema da inspiración. Baixo o nome, o escudo de Vilagarcía de Arousa, con vieiras nos bordos dun marco colgado nunha parede decorada con barras en vermello viño e acibeche, plena de diminutas aspas de san Andrés rexistradas.
A obra estivo vinculada á familia San Claudio Santa Cruz e o seu propietario actual espera a ocasión propicia para a súa mostra pública. Aínda que a colección familiar abarca sobre todo obras compradas por Miguel San Claudio San Pedro, avó, nos anos corenta, este póster promocional de 1971 conta con elementos que o vinculan con outros cadros do conxunto. Especialmente con Anticuario do porto (1946). Neste óleo sobre táboa de 80x100 cm. aparecen boa parte dos elementos do retablo de 1971. O mesmo farol, a pipa, a buguina, a mesa, a xanela cunha escena de mar. Aquela almoneda dun vello mariño ben podía ser o gabinete de curiosidades do vello MSC de Cariño ou de José Santa Cruz en Orillamar, acrecentado con obxectos de tantos pecios despezados.
Explica a RLNG que "o coruñés sobre todo pintaba sobre táboa en pequenos e medianos formatos, pero aceptaba desenvolver frescos para espazos públicos, restaurantes ou tabernas populares, encargos de manutención e supervivencia. O dominio da escenografía pódese apreciar na obra en cuestión, así como en Anticuario do porto (1946) e en tantas outras do grupo San Claudio custodiado por Abanca. Ocupouse de atender demandas privadas ou de corresponder a encargas no mundo do cartelismo, a publicidade, o deseño comercial. Esboza banderines para celebracións como a Festa do Marisco do Grove en 1965, deseños comerciais para Pescanova ou Terra de Amandi. O galerista Víctor Montenegro nomeouno Pintor Maior do Mar."
Así, "neste cadro Lugrís reivindica a condición xacobea da ría de Arousa e en concreto de Vilagarcía como un dos grandes portos históricos de Galicia, peirao compostelán. Nesta etapa final da súa vida vivía en Vigo, pero nas cartas de 1971 non deixaba de preguntar pola súa cidade natal. A súa última creación pode ser este “Arousa, ano santo 1971”, xa que despois desta data non sabemos de ningunha catalogada. Temos a coetáneo “Romaría”, mostrado na exposición de 2018 na Galería Montenegro de Vigo. Un apuntamento imprescindible para furgar na orixe do orixinal póster xacobeo é a amizade compartida do pintor e dos seus mecenas -os San Claudio Santa Cruz- co consignatario de buques e home de letras arousán José Ángel Prego Carregal".