venres. 19.12.2025
El tiempo

Luz verde á avaliación ambiental simplificada do Polígono de Nantón

Zona do poligono de NAnton
Zona aproximada onde irá o Polígono de Nantón
Luz verde á avaliación ambiental simplificada do Polígono de Nantón

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) do novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a protección do patrimonio natural, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e as limitacións de uso derivadas do ruído existente.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa.

O ámbito de actuación do Peose é un espazo de preto de 27 hectáreas de extensión que se localizan no ámbito delimitado ao norte e oeste por un regato innominado, ao este polo rego de San Loto e ao suroeste pola autovía da Costa da Morte (AG-55).

O proxecto prevé dous espazos de ordenación da actividade industrial, a rede viaria básica para artellar as comunicacións internas e externas -que incluirá un carril bici-, unha área de aparcadoiro, unha zona verde e unha parcela de servizos para a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Comentarios