![parroco-canduas-premio-1]()
O concello de Cabana de Bergantiños ten a honra de ser distinguido por segunda vez pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña. A primeira foi a do crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois, quen recibiu a
Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid o 24 de agosto de 1959. Tras o acto oficial celebrouse unha homenaxe e festival folclórico na desaparecida praza de touros da Coruña.
A segunda entrega, tivo lugar este pasado sábado 9 de outubro de 2010. Nesta ocasión, a honra correspondeulle a outro
crego cabanés, a don Antonio Méndez Farto, quen recibiu a distinción pola súa constancia musical. Para recoñecerlle o seu mérito o xurado tivo en conta o labor desenvolto a prol da creación dos primeiros coros da ribeira baixa do Anllóns.
Ó acto de entrega, que aconteceu no salón de actos da Fundación Caixa Galicia, acudiron o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, o concelleiro de turismo, José María Rama Nantón, o concelleiro de cultura e deportes, Perfecto Vázquez Lema, o de servizos, Carlos Allo Cundíns, o técnico de cultura, Martín Martínez Riobó e o asesor cultural José María Varela Martínez. Esta representación institucional cabanesa estivo acompañada de multitude de veciños do concello, de compoñentes doutras corais tanto do concello como de fóra (por exemplo da baiesa Coral Xan Mella), así como de amigos e familiares do propio don Antonio. As corais cabanesas representadas foron: San Martín de Canduas, de Corcoesto e de Cesullas.
Tras a recolleita do premio, a comitiva desprazouse a un restaurante de Coristanco para manter unha cea de confraternidade.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Cultura do Concello de Cabana.