Martes. 14.05.2024
El tiempo

O BNG de Cabana respalda as protestas veciñais pola subida da auga

O BNG de Cabana respalda as protestas veciñais pola subida da auga
Unha billa pingando dez gotas de auga por minuto supón 2.000 litros ao ano

A semana pasada os veciños da AA VV San Estevo de Cesullas enviábannos as súas queixas pola subida do canon da auga. Hoxe é o BNG de Cabana o que envía un comunicado no que "respalda totalmente ás asociacións veciñais e a toda a veciñanza de Cabana que está a recoller sinaturas contra este abuso, e anima a todas as persoas afectadas que aínda non o fixeron a que asinen. Apoiamos as protestas e sumámonos á recollida de sinaturas, ante este auténtico “sablazo” ao que o goberno municipal do Partido Popular e o Sr. Muíño decidiron someter aos veciños e veciñas do noso concello".

Segundo o grupo da oposición cabanesa e o seu voceiro David García Cancela, "non é de recibo, non pode ser que teñan que ser os veciños os paganos dunha mala xestión do Partido Popular. Durante tantísimos meses non se cobrou a auga, debido á nefasta xestión do goberno municipal de Cabana, e agora pretenden que se paguen tantos meses xuntos, e ademais cunha subida verdadeiramente abusiva".

Queren deixar claro que "non só os atrasos debidos á mala xestión municipal incapaz de contratar o servizo durante tanto tempo, senón que ademais se aplica unha subida bestial, que pode superar de media os 300 euros anuais".

Por iso o BNG demandalle "ao Sr. Muíño e ao Partido Popular de Cabana que dén marcha atrás, que revisen as tarifas da auga e os mínimos establecidos, e que establezan un sistema de pago dos atrasos aprazado, que non supoña unha carga tan brutal para a veciñanza que xa ten unha economía doméstica bastante maltratada".

Novas relacionadas

Fonte

  • BNG de Cabana.

Comentarios