Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O Caldo de gloria de Cabana abriu as celebracións polo Día de Rosalía

CABANA - ROSALÍA 2024 4
O Caldo de gloria de Cabana abriu as celebracións polo Día de Rosalía

A Escola de Vela acolleu este xoves 22 de febreiro, a celebración polo Día de Rosalía. Representantes da Asociación Íntegro; da xunta local de Cabana da AECC; de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro; ademais da poeta cabanesa, Matilde Vilariño, as integrantes de Son de Cabana e o alumnado da escola municipal de teatro, foron os protagonistas dun evento moi emotivo que serviu para conmemorar o 187 do nacemento da poeta galega.

Desde primeira hora da mañá, as integrantes de Son de Cabana déronlle comezo á xornada coa elaboración do popular ‘caldo de gloria’, ao que lle dedicou un poema a autora compostelá.

CABANA - ROSALÍA 2024 3

A continuación, tamén na Escola de Vela, levouse a cabo un acto de divulgación cultural no que se puxo de manifesto a importancia que tivo Rosalía de Castro como unha das grandes referencias do Rexurdimento en Galicia.

As mulleres de Son de Cabana trasladaron os seus versos ao eido musical coa interpretación dun poema de Rosalía. Pola súa parte, unha delegación da Asociación Íntegro efectuou unha lectura de poemas con música de fondo, mentres que representantes da xunta local da Asociación Contra o Cancro e de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro optaron por recitar algúns dos versos máis sobranceiros da autora como os do poema Eu cantar, cantar, cantéi .

Pola súa parte, o alumnado da escola municipal de teatro realizou unha interpretación na que se recrearon pasaxes da obra e a vida da poeta.

Á xornada tamén se sumou a voz da poeta cabanesa Matilde Vilariño quen homenaxeou a Rosalía a través da lectura dun poema que ela mesma escribiu na honra da compostelá.

Como peche ao acto, procedeuse á degustación do caldo de gloria e fíxose entrega a todas as persoas asistentes dun marcapáxinas conmemorativo e dun feixe de flores, en cuxo reverso se inclúen versos rosalinos.

Máis actos por Rosalía

 

Comentarios