O Dolmen de Dombate, premio do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia á sustentabilidade


Segue habendo ecos do proceso de musealización do Dolmen de Dombate, a catedral do megalitismo galego. O dolmen cabanés foi galardoado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia co premio á Construción Sostible. A asociación quere recoñecer a aposta polo desenvolvemento sostible e a utilización de materiais naturais, durante a musealización realizada pola Deputación da Coruña. En concreto, a madeira ten un rol principal no museo de Dombate, o que consegue unha perfecta integración co entorno.
O Clúster da Madeira outorga esta condecoración tódolos anos, con motivo do Día Mundial da Construción Sustentable, que se celebra o 23 de setembro. Nesa mesma data, celebrarase o acto de entrega do premio nas instalacións do dolmen.
Melloras na conservación
A principios de outubro comezarán os traballos para instalar un innovador sistema electrónico, que mellorará a recepción dos datos medidos polas estacións microclimáticas instaladas no dolmen e no edificio do pavillón que o protexe. A Deputación pretende perfeccionar así o seu proxecto de conservación do Dolmen de Dombate, supervisando a distancia as condicións climáticas do xacemento.
Para o seguimento das condicións ambientais emprégase un sistema de sensores que rexistra os parámetros que inflúen na conservación do dolmen, coma a humidade, a temperatura ou a iluminación. Ata agora estes datos recíbense no computador do centro de recepción de visitantes por medio dunha antena de radiofrecuencia. Este sistema será substituído por unha nova conexión por cable, aproveitando os tubos pasantes que xa foran instalados na última intervención arqueolóxica.
Ceica de Sistemas, S.L. é a empresa adxudicataria destes traballos e instalará un sistema de cables FTP categoría 6, libre de halóxenos, para exteriores e antirroedores. Esta innovación permitirá ademais a recepción en tempo real destes datos nas propias oficinas da Deputación, para poder ser estudados polo persoal especializado na conservación do Dolmen, xa que o control do clima no xacemento é esencial na conservación das pinturas rupestres que alberga.
Novas relacionadas
- Máis de 11.000 visitaron Dombate este verán.
- A Deputación denuncia o uso “partidista” do alcalde de Cabana do Dolmen de Dombate.
- Xuño 2016: Uns 2400 escolares visitan o dolmen de Dombate durante a primavera.
- Marzo 2016: AGE pídelle á Xunta que adquira a titularidade do dolme de Dombate.
- 14-01-16: Dombate volve co seu guía.
- 11-01-16: “Dombate non é un centro comercial”.
- Óscar de Souto: Unha de cal e unha de area en Dombate.
- 10-12-15: Comeza o control das pinturas do dolmen de Dombate.
- Un capítulo de Herdeiros pola Forza: Dombáter.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).