Venres. 29.03.2024
El tiempo

O PP comarcal de Bergantiños fai balance

O PP comarcal de Bergantiños fai balance

Completo repaso á actualidade comarcal e municipal a que vén de facer o PP, tras unha reunión mantida en Malpica. Unhas xuntanzas orientadas a fomentar a comunicación e facer balance da situación dos municipios.

O presidente provincial Carlos Negreira, intercambiou ideas e suxestións cos representantes populares do partido xudicial de Carballo. A ela acudiron o secretario xeral, Diego Calvo, e o secretario de organización, José Manuel Álvarez-Campana, Belén Do Campo, e os alcaldes e portavoces do PP do Partido Xudicial de Carballo, A Laracha, Ponteceso, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Carballo e Laxe.

Antes de nada, Negreira, quixo comezar a reunión recordando o cabo de ano do malpicán José Manuel Vila, a quen todos recordan como "unha persoa irrepetible, un home que fixo moito pola Costa da Morte e por Bergantiños".

Si á VAC, non as piscifactorías de Seiruga, Camelle e Merexo

No tocante ás actuacións da Deputación e da Xunta na zona, fixeron unha valoración moi positiva sobre a execución da autovía de Costa da Morte, da que resaltou que "mentres outros non foron capaces de facela en catro anos, o PP está cumprindo os prazos de execución e imos conseguir que se poña en funcionamento canto antes".

Ao tempo, Negreira reiterou que "non hai intención de ninguén do partido de que leven a cabo as piscifactorías de Xeiruga, Quiroga e Camelle" (suñoñemos que queren dicir Seiruga, Merexo e Camelle). Se ben aseguraba que a de Touriñán si será unha realidade.

Repaso por concellos

Ponteceso

No Concello de Ponteceso o máis destacado dos últimos sete meses de goberno é a aprobación dos orzamentos de 2012, así como o gran impulso que se lle deu á elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM). O alcalde de Ponteceso, José Luís Fondo Aguiar, destacou que o PGOM enviouse xa á Xunta de Galicia e está, polo tanto, pendente da súa aprobación inicial.

Cabana

En Cabana de Bergantiños están realizando diversas xestións con varias consellerías, das cales destaca a reforma da cuberta da gardería municipal, así como outros arranxos que se están demorando máis do esperado pola crise.
Tras os grandes resultados electorais do mes de maio, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño Domínguez, conseguiu sacar adiante o orzamento para o ano 2012. Del cabe destacar que se reduciron un 25% os gastos nos órganos de goberno e os de persoal. Ademais, o Concello está exercendo un forte control no gasto corrente para aumentar o investimento real.

Malpica

Tras a súa chegada ao consistorio municipal, o alcalde de Malpica e o seu equipo de goberno tiveron que enfrontarse á difícil tarefa de recuperar un municipio con graves problemas económicos herdados da anterior xestión municipal. O primeiro que se fixo foi saldar os 30.000 euros que supuxeron ter aberta a piscina municipal durante un mes totalmente gratis, sen ningún permiso nin acceso ás instalacións. Aínda que este tema xa se está regularizando, aínda quedan pendentes moitas facturas ao redor da piscina, como a que ascende a 115.000 euros do 10% da liquidación sen recoñecemento de crédito.

Quedan tamén pendentes facturas noutros ámbitos, como a empresa subministradora de electricidade, que está esperando que se pague a de 2010 por un importe de 70.000 euros. Os 108.000 euros de 2009 xa foron liquidados grazas á boa xestión do actual equipo.
O buraco que deixou o anterior goberno nas arcas municipais está facendo imposible investir en cousas que beneficien á cidadanía, pero o actual equipo está traballando para saldar as débedas pendentes canto antes para logo deixar as contas saneadas e poder investir en asuntos que contribúan ao benestar dos habitantes de Malpica.

Laxe

O portavoz do PP en Laxe, Ambrosio Oróns, enfróntase a unha situación moi parecida á do seu compañeiro en Carballo. O alcalde de Laxe non propón nada novo, aínda que a súa falta de ideas non lle impide ter en conta as mocións presentadas polo Partido Popular.
Estas son moitas e variadas, aínda que cabe destacar o labor de control de gasto que desde a oposición estase facendo ao Concello, pedindo información sobre a situación económica así como outra na que se A reclamaba un informe detallado sobre as medidas de aforro enerxético. O PP tamén presentou unha moción para solicitar que se elaboren os orzamentos do ano 2012, actualmente paralizados.

Carballo

Alberto Sueiro, portavoz do PP en Carballo, destacou a fraxilidade do goberno municipal, a cuxa incapacidade para levar adiante unha boa xestión do municipio súmase o feito de que é un goberno formado en minoría.
O PP de Carballo presentou 18 iniciativas nos 6 plenos que se celebraron na corporación municipal desde xullo. Algunhas delas foron aprobadas e aplaudidas pola cidadanía, talles como o proxecto de reforma integral da praza do Concello e do aparcadoiro subterráneo ou a restitución dos aparcadoiros en batería de cálea Fábrica.
Foi tamén o PP o que promoveu a creación dunha comisión para investigar unha presunta contratación irregular por parte do alcalde de dúas persoas que formaban parte da candidatura do BNG en 2007.

O balance do actual goberno municipal é o dun goberno sen capacidade de decisión, que se tivo que acoller ás normas subsidiarias do ano 1985 porque o Tribunal Supremo anulou o PGOM de 2003. Trátase dun goberno que ademais de non ter recursos, é incapaz de aprobar as medidas necesarias para xeralos. A súa inactividade queda perfectamente reflectida no Forum (a Casa dos Oficios), un proxecto que custou a friorenta de 7 millóns de euros pero que segue pechado e sen posta en funcionamento porque o BNG local non sabe como darlle utilidade.

Fonte

  • Nota de prensa do PP comarcal.

Comentarios