Domingo. 17.11.2019
El tiempo

O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte

O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte
MAPA COSTA DA MORTEOs concellos son as administración máis achegadas ao cidadán e polo tanto as que este vive dunha maneira máis intensa. Para ben ou para mal é a institución máis mediatizada polo administrado, na que maior capacidade ten para influír nas decisións que esta poida tomar. É tal o grao de identificación que establecemos co municipio onde nacemos ou vivimos que nos resulta moi axustado e apropiado pensar que, da mesma maneira que a nosa chegada a este mundo dependeu dunha longa cadea de antepasados que nos conecta cos tempos máis remotos, así tamén o concello que nos acolle provén, igual que os nosos devanceiros, de épocas moi pretéritas. Este pensamento a pesar de ser moi fermoso, é totalmente falso. Aínda que todas as cidades e moitas das consideradas vilas a principios do XIX contaban cunha estrutura organizativa que puidera parecer semellante aos concellos actuais, a realidade era moi diferente. Se na monarquía absoluta na que se integraban estes “concellos”, o poder era monopolizado polo monarca, o mesmo ocorría nestas estruturas máis pequenas, onde era un SEÑOR determinado o que, dunha maneira ou doutra, as controlaba politicamente. Explícome. Durante a Idade Media fóronse creando, debido a doazóns de diferentes reis, unha serie de institucións territoriais de carácter feudal que vertebraron política e xudicialmente o País Galego ata ben entrado o século XIX. Refírome as denominadas XURISDICIÓNS. Os nomes de xurisdicións que seguidamente relacionamos, aínda que algunhas coinciden coa denominación de concellos actuais, a súa territorialidade era completamente diferente. Unicamente nun caso, que despois comentaremos, pasou do Antigo ao Novo Réxime sen cambios na súa configuración territorial. Se anteriormente denominábamos ás xurisdicións como institucións feudais e porque eran feudo, propiedade de alguén. E ese alguén podía ser, en moi contadas ocasións, os propios veciños os que escollían aos seus gobernantes. En toda a Costa da Morte non había ningunha xurisdición que gozada desta prerrogativa. Tamén podían depender directamente o Rei, nesta situación atopábase SONEIRA que comprendía as parroquias de Anos, Borneiro, Brandomil, Canduas e Muíño. As institucións eclesiásticas ocupaban unha situación bastante relevante en toda a bisbarra. O arcebispo de Santiago era o primeiro Señor de Galicia. A finais do século XVIII, dos aproximadamente 1.407.000 habitantes que tiña Galicia, 241.787 dependían da súa persoa. Na zona que tomamos como referencia posuía as xurisdicións de MUROS (coas parroquias de Alvite, Alborés, Antes, Arcos, Beba, Campolongo, Cando, San Mamede de Carnota, Chacín, Coiro, Corzón, Eirón, Santa locaia de Entíns, Santa María de Entíns, San Ourente de Entíns, Esteiro, Fontecada, Louro, Maroñas, Matasueiro, Muros, Outeiro, Roo, Sabardes, Sestaio, Tal, Tarás e Valadares); a de FISTERRA (coas de San Martiño de Duio, San Vicente de Duio, Fisterra e Sardiñeiro); a de MALPICA (coas de Barizo, Brántuas, Cambre, Corme, Malpica e Vilanova) e a de MUXÍA, formada unicamente pola parroquia do mesmo nome. O Mosteriro da San Martiño Pinario de Santiago de Compostela posuía as parroquias de Ozón, Baíñas e Nemiña; a xurisdición de Moraime- Buxantes formada por sendas freguesías; e a máis grande, a de XAVIÑA, coas de Castro, Ferreira, San Xusto, Verdes e Xaviña. O Cabido da Catedral de Santiago contaba coa parroquia de Leiloio. A xurisdicion de CEE que abranguía esta única freguesía, era do Arcediano de Trastámara. Ao Mosteiro de Sobrado dos Moxes pertencíanlle as de Cospindo e Graña. O Mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago compartía cun fidalgo a freguesía de Seavia. E coa freguesía de Xornes que era do bispo de Mondoñedo, pómoslle cabo aos dominios da igrexa na Costa da Morte. Pero sen lugar a dúbidas o primeiro Señor desta extensa bisbarra marítima era o Conde de Altamira que posuía as xurisdición de CORCUBIÓN (coas parroquias de Ameixenda, Bardullas, Brens, Buiturón, Caberta, Santa Comba de Carnota, Codesos, Corcubión, Dumbría, Ézaro, Frixe, Lariño, Lires, Morquintián, Olveira, Olveiroa, Pereiriña, Redonda, Salgueiros, Serres, Toba e Touriñán); a de VIMIANZO (coas de Baio, San Mamede, Berdoias, Brandoñas, Calo, Camariñas, Cambeda, Carantoña, Carnés, Carreira, Castrelo, Castro, Cereixo, Coucieiro, O Esto, Follente, Gándara, Lamas, Laxe, Leis, Mira, Nande, Porto, Roma, Salto, Santa María da O, Sarces, Serramo, Serantes, Soesto, Tins, Santiago de Traba, Treos, Vilastose, Vilar, Vimianzo e Xaviña); e a de MENS ( formada polas freguesías de Buño, Cances, Cereo, Cerqueda, Cesullas, Cundíns, Cores, Coristanco, Mens, Nemeño, Niñóns, Oca, Pazo, Tallo e Valencia). Como vemos, o Conde de Altamira contaba con 74 parroquias en toda a comarca, aínda que arredor dunha terceira parte eran compartidas con outros señores, o máis importante o Conde de Maceda. O Marques da Serra tiña baixo o seu dominio a xurisdición do mesmo nome, formada polas freguesías de Outes, Lira, Mazaricos, Colúns e Vaos. A xurisdición de PENELA era a finais do século XVIII do fidalgo Justo Manuel Varela e estaba composta polas parroquias de Corcoesto, Langueirón, Riobó e Silvarredonda. Os Señores do Allo posuían as freguesías do Allo e de Anllóns. E xa para rematar esta ladaíña de freguesías grande de máis, espero que non esquecera ningunha, a parroquia de Agualada era do Conde de Ribadavia, e a de Berdeogas do de Amarante. Como puidemos observar estas xurisdicións eran moi dispares en tamaño, pero tamén na súa configuración. Habíaas que tiñan unidade territorial como a de Fisterra ou as que estaban compostas dunha única parroquia. Mais a maioría eran descontinuas: tiñan un anaco aquí e outro acolá. E aínda que xurisdicións como Muros, Corcubión ou Vimianzo contaban coa maior parte do seu territorio nunha única peza, todas elas posuían unha ou varias parroquias separadas da peza principal pola interposición doutras xurisdicións. Estamos pois ante unidades, senón territoriais na maioría dos casos, si políticas e administrativas nas que o Señor exercía unha autoridade que o habilitaba para gobernar no nome do Rei, para xulgar en primeira instancia, e para cobrar unha serie de impostos aparellados ao poder do que gozaba. Para atender estas cuestións nomeaba escribáns, xuíces ordinarios, alcaldes de cárcere e, naquelas vilas onde había axuntamentos, nomeaba aos rexedores dos mesmos. A figura do xuíz ordinario tiña suma importancia, ademais da súa capacidade xudicial, interviña na gobernación da xurisdición e nas vilas tamén controlaba ao concello. Á fronte de cada parroquia había un alcalde pedáneo, mordomo ou vigairo, de calquera das tres maneiras era denominado. Esta figura en moitos casos era nomeada polo xuíz ordinario da xurisdición, noutras, as menos, era escollido polos propios veciños da parroquia. As súas atribucións eran escasas: levar e traer información entre a freguesía e o xuíz ordinario. En resumo, antes da implantación dos actuais concellos, non había unhas estruturas territoriais unitarias, carecíase dun sistema xudicial unificado e independente, e nin sequera os impostos eran comúns a todas as xurisdicións; habendo en cada caso unha determinada nómina de perceptores que sostiñan os seus dereitos nunha longa e variada casuística histórica.

Repaso histórico

Dende finais do século XVIII houbera intentos de rematar con esta complexa e moi desigual situación. As primeiras tentativas reais callaron durante a “Francesada” a raíz das Cortes de Cádiz, e xa máis tarde, durante o Trienio Liberal (1820 – 1823). Estas iniciativas non lograron consolidarse, en ambos casos debido ao retorno do poder absoluto do rei Fernando VII. Houbo que esperar á morte deste monarca no ano 1833 para que as cousas mudaran e se puidera, con moitos atrancos, crear un estado liberal rexido por unha constitución que impulsara un novo organigrama administrativo e territorial no que se trocou o poder dos vellos señores polo dos ricos de todo tipo de pelaxe. O que apuntaremos nas seguintes liñas, aínda que os exemplos que poñemos refírense aos concellos da Costa da Morte; a normativa aludida, os tempos dos diferentes pasos dados e o modo de proceder das instancias reitoras, poden aplicárselle a calquera municipio rural da provincia da Coruña; e con algúns mínimos cambios cronolóxicos aos de todo o territorio galego. Se o Antigo Réxime se caracterizaba, con relación ao tema que tratamos, pola falta de unidade e por un reparto do poder tipicamente feudal; o novo sistema liberal porá en pé unha serie de estruturas e institucións que dependerán directamente do goberno do estado. Para lograr esta centralización do poder, primeiro creáronse as actuais provincias (Real Decreto do 30 de novembro de 1833). Comandadas por un Gobernador Civil nomeado dende o Ministerio da Gobernación, e polas Deputacións provinciais, estas últimas cunha misión deliberativa, administrativa e recadadora de impostos nos seus respectivos territorios. Aínda que se deixaba constancia de que o Antigo Reino de Galicia quedaba dividido en catro provincias, estas dependían directamente de Madrid, sen ningún órgano intermedio que as ligara cultural, política e administrativamente, como así acorría no Antigo Reino. Esta situación dou lugar ao PROVINCIALISMO, un movemento político que propugnaba que Galicia debía constituírse nunha única provincia para así poder conservar mellor as súas peculiaridades e a unidade política da que “sempre” gozara. Coa división lográbase todo o contrario, atomizar a súa realidade cultural e histórica e incluso favorecer as rivalidades entre unhas e outras provincias. A pesar da oposición de boa parte da intelectualidade galega, a división en catro provincias saíu adiante. Cumprido este importante trámite, o seguinte foi a creación dos Partidos Xudiciais (R.D. do 21 de abril de 1834). Con esta medida rematábase coa xustiza señorial ao situarse en cada cabeza de Partido un xulgado de primeira instancia perfectamente integrado nun sistema que remataba nos chanzos máis altos co Tribunal Supremo. A división xudicial propuña na zona obxecto da nosa investigación, a creación dos Partidos de Muros, Corcubión e Carballo. Neste sentido, as antigas xurisdicións de Soneira e Vimianzo protestaron por considerar que calquera delas debía gozar da mesma consideración, ou polo menos Vimianzo, cabeza dunha extensísima xurisdición. Nada lograron. Con relación ao sistema xudicial, os futuros alcaldes e tenentes de alcalde, ademais das funcións gobernativas que lle serán propias, terán ata o ano 1855 no que se crearon os Xulgados de Paz, facultades conciliatorias nas fases iniciais dalgúns procesos. Calquera destas dúas estruturas que vimos de tratar, foi importante á hora de deseñar e materializar os novos concellos. En Galicia tamén tivo un papel fundamental unha institución cultural, social e relixiosa con ben máis de mil anos de historia. Referímonos á parroquia, esta entidade de base conxuntamente co seu representante veciñal o alcalde pedáneo tivo, como iremos vendo, un protagonismo capital en tódalas fases do proceso de creación dos municipios constitucionais. Nas vilas e cidades que xa contaban de vello cunha estrutura municipal, foron os seus rexedores os que levaron a cabo nos territorios que controlaban, o papel que nas freguesías cumpriron os alcaldes pedáneos. Tendo en cada caso os Partidos Xudiciais, as cidades, as vilas e as parroquias como referencia, o seguinte paso foi a publicación da lexislación necesaria para darlle realidade efectiva aos novos concellos no R.D. do 23 de xullo de 1835. Este Real Decreto determinaba que cada municipio debía ter un alcalde, un ou máis tenentes de alcalde, segundo a poboación; e co mesmo criterio poboacional, un número axeitado de rexedores (concelleiros). Tamén contemplaba o cargo de Procurador do Común. Esta figura tiña unha longa tradición dende vello, era unha especie de valedor do pobo que ademais debía velar que en tódalas accións municipais se cumprise coa lexislación vixente, contando co apoio e o asesoramento do secretario. Continuaba o R.D. coas condicións necesarias para participar nas eleccións: ser español, varón, ter 25 anos cumpridos e levar catro residindo na provincia e dous na veciñanza na que se pretendía exercer este dereito, e o que é máis importante, pagar unha contribución de cota fixa derivada de calquera actividade honrada coa que puidera vivir dignamente, “sacándole de la clase de jornalero”. Os máis desfavorecidos non tiñan dereito a voto. Estas condicións supuñan, na maioría dos casos, que en cada casa só puidera votar, se chegaba á cota esixida, o que figuraba nos recibos da contribución, é dicir, o cabeza de familia. Máis restrinxido aínda era o número dos que podían ser elixidos para os citados cargos municipais. A maiores das condicións que tiñan que cumprir os votantes, debían saber ler e escribir e estar incluídos entre o 10 % dos maiores contribuíntes de cada parroquia. Se consideramos que a maioría das parroquias do rural andaban arredor das cen casas, e se a estas lles restamos os caseteiros, os xornaleiros e os que vivían da caridade pública; seguramente en cada freguesía non había máis de seis, sete ou como moito oito persoas que reuniran as condicións necesarias para ser elixibles para as funcións municipais. Con estas e algunhas disposicións máis que, nalgúns casos serán matizadas dende os gobernos civís, púxose a maquinaria a funcionar para constituír os novos axuntamentos. Na provincia da Coruña entre o Gobernador Civil e a Deputación empezaron a estudar a posible configuración territorial destes novos entes administrativos. Unha das primeiras accións que acometeron foi solicitarlle aos alcaldes pedáneos de cada freguesía o número de veciños (casas) e habitantes para ter unha idea máis exacta da realidade social de todo o territorio. Cando se puxeron co labor de deseño dos axuntamentos, en tódolos casos partiron dos límites dos xa creados Partidos Xudiciais. En termos xerais, en cada un destes compartimentos estancos escolleron as entidades de poboación máis importantes, moitas delas xa tiveran concello segundo as normas do Antigo Réxime, e foron engadindo parroquias ao seu redor. Así obtiveron os concellos de Muros, Outes, Corcubión, Fisterra, Muxía, Laxe, Malpica, Camariñas ou Vimianzo. Despois desta operación aínda quedaban por agrupar moitas parroquias que non contaban con ningún núcleo poboacional de referencia. Nunha segunda fase e seguindo os criterios da poboación total resultante e de que as distancias entre as diferentes parroquias fora asumible, formaron outra quenda de axuntamentos, neste caso, como xa dixemos, sen ningunha vila, nin máis grande nin máis pequena, como punto de encontro da nova institución. Baixo estes parámetros naceron os concellos de Mazaricos, Dumbría, Zas, Cabana de Bergantiños e Coristanco. Nestes casos escolleron a parroquia máis céntrica ou a que contaba con mellores vías de comunicación coa capital de partido ou coa capital provincial, para darlle nome ao concello e para situar a capitalidade do mesmo. Así temos que no Concello de Mazaricos, con trece parroquias naquel momento, a que ofrecía unha posición máis equidistante de todas as outras era, precisamente, a de San Xoán de Mazaricos. Foi esa a denominación do municipio, co patrón incluído, e unha aldea desa freguesía, O Outeiro, a súa capital. Un caso especial ofrécenolo o Concello de Ponteceso. En vez de escoller a vila de Corme, sen lugar a dúbidas a máis importante e poboada, para darlle nome ao concello e situar a súa capitalidade; puxérona na aldea da Bugalleira da parroquia de Tallo. Foi precisamente o nome desta aldea polo que foi coñecido o concello ata que no ano 1866 trocaron a capitalidade para Ponteceso, e con este cambio, tamén o nome do municipio. Ao mesmo tempo que o Goberno Civil e a Deputación desenvolvían estas tarefas, publicaron no Boletín Oficial da Provincia do 9 de abril de 1836 as normas que tiñan que seguir en cada parroquia para a elección dos seus representantes. Aproveitándose da figura do alcalde pedáneo que había en cada unha delas, xa dende o Antigo Réxime, ordénanlle que nomee na súa freguesía unha comisión composta polos seis maiores contribuíntes e presidida por el mesmo. Esta comisión despois de elixir un secretario entre os seus membros, elaborará o censo de votantes e o de elixibles, seguindo en ambos casos as disposicións das que xa demos cadra anteriormente. Feitas estas dúas listas, deberá expolas publicamente durante seis días, por se houbera algunhas alegacións ás mesmas. Se así fora, será a propia comisión quen as resolva. Cumpridos estes requisitos fixarán unha data para a celebración das eleccións, nas que segundo o número de votos, se elixirá un rexedor pedáneo e un tenente de rexedor. Feita esta importantísima operación, a comisión elaborará unha acta cos resultados e remitiraa ao Gobernador Civil. Inmediatamente disolverase a antedita comisión, pero o alcalde pedáneo seguirá nas súas funcións ata que se constitúan definitivamente os novos concellos. Todas estas operacións facíanse para ir adiantando o traballo, xa que en moitos casos, nas parroquias non sabían de que concello acabarían formando parte. Esta falta de coñecemento resolveuse no Boletín do 23 de abril de 1836, onde se publicou a relación de municipios de toda a provincia da Coruña coas parroquias asignadas a cada un. Tamén se abriu un período de alegacións para que dende as freguesías puideran manifestar as reclamacións que consideraran oportunas. Se os poucos lectores que pode ter este artigo estivestes atentos, puidestes comprobar que non citei os Concellos de Carnota e de Cee, e non o fixen porque na primeira proposta saída dos entes provinciais, non se contemplaba a súa existencia. As parroquias que hoxe configuran o municipio de Carnota formaban parte do de Muros; e as que constitúen o de Cee, naquel borrador inicial, pertencían ao de Corcubión. Neste sentido, en ambos casos houbo reclamacións que atendeu a Deputación Provincial na sesión do seis de xuño do ano en curso. Ao Axuntamento de Muros suprimíronlle as freguesías de Santa Comba de Carnota, San Mamede, Lariño e Lira; formando coas mesmas o Axuntamento de Carnota. O caso de Corcubión foi moito máis singular: a este concello de longa tradición histórica deixárono na mínima expresión, unicamente coas parroquias da Redonda e a propia de Corcubión. As restantes: Toba, Lires, Pereiriña, Codesos, Brens, Ameixenda e Cee, formaron o axuntamento ao que lle da nome esta última freguesía. Coidamos que dende Cee souberon mover ben os fíos e convencer ao resto das parroquias para cambiar as tornas de forma tan drástica. O Concello de Fisterra tamén foi un caso singular, aínda que por outros motivos, foi o único da Costa da Morte que se mantivo sen cambios. As catro parroquias que figuraban na antiga xurisdición, seguiron formando parte do novo axuntamento constitucional, sen engadirse ningunha outra. Non houbo máis reclamacións, o resto das freguesías con máis ou menos coñecemento de causa ou con máis ou menos satisfacción, apandaron co proxecto formulado dende os entes provinciais. Nos boletíns do 15, 18, 20, 22, e 25 de xuño de 1836 foise publicando gradualmente a relación definitiva de concellos coas parroquias que abranguían e co número de veciños e habitantes co que contaba cada unha delas. Nun destes boletíns, o do día 22, tamén se publicou unha circular do Gobernador Civil manifestando a súa preocupación pola lentitude das parroquias á hora de elaborar o traballo que tiñan encomendado: elección de rexedor pedáneo e tenente de rexedor. Ata aquela data recibíranse no Goberno Civil 662 actas correspondentes a outras tantas freguesías, pero aínda faltaban 265 para completar o total da provincia. Urxíndolle ao alcalde pedáneo e á comisión nomeada para tal fin a realización inmediata das tarefas que faltaban por facer e o envío das mencionadas actas de elección. Tamén se incluía neste boletín o regulamento para materializar definitivamente a relación de concellos que estaba sendo publicada. Tan pronto se soubera nas parroquias polo nomeado boletín a configuración de cada axuntamento, os alcaldes pedáneos citarían ao rexedor e tenente de rexedor de cada unha das parroquias que compuñan o novo ente, para que no primeiro día festivo se reuniran no adro da igrexa da freguesía que lle daba nome ao concello e, entre todos, escolleran unha data para efectuar a elección do Alcalde e do Tenente Alcalde. Posta esa data e realizada esa elección, había que completar a corporación cun rexedor por cada parroquia. Se entre os rexedores que con anterioridade elixirán nas freguesías, algún ocupaba o posto de Alcalde ou Tenente Alcalde, neses casos, pasarían a ocupar a posición de rexedores os que nun principio foran elixidos como tenentes de rexedor. O resto dos tenentes quedarían sen funcións e polo tanto non formarían parte da corporación. Despois desta escolla, no primeiro día festivo, o rexedor de cada unha das parroquias tería que convocar a tódolos veciños con dereito a voto para que, entre os suxeitos máis preparados de todo o axuntamento, elixan ao Procurador do Común. Feita esta elección en cada parroquia, o mencionado rexedor levará os resultados á primeira sesión da nova corporación; onde sumarán os votos emitidos e en función dos mesmos elixirán ao aludido Procurador do Común. Cos resultados de sendas eleccións elaborarán unha acta que remitirán ao Goberno Civil, para que este emita os correspondentes nomeamentos. Realizadas todas estas operacións, buscarán unha casa axeitada para instalar as oficinas municipais. Con este requisito cumprido, nomearán por votación un secretario e un depositario dos fondos públicos. O secretario tomará posesión de tódolos papeis que puidera haber nas parroquias para iniciar a formación do arquivo municipal; e o depositario fará o mesmo cos fondos públicos existentes, depositándoos nunha arca con tres chaves: unha para el, outra para o Alcalde e unha terceira para o Procurador do Común. Despois de abolidas todas as institucións e cargos do Antigo Réxime, os axuntamentos comezarían a súa andadura coidando, como facía constar o Real Decreto do 23 de xullo de 1835 “da conservación dos pósitos e das fincas e fondos dos propios; do bo emprego dos produtos e da acertada distribución dos aproveitamentos comúns; da salubridade limpeza e ornato dos pobos e os seus paseos públicos; do bo estado dos camiños veciñais, pontes e comunicacións cos pobos estremeiros; promover e vixiar o plantío de árbores nos montes e terras do común; e procurar o mellor aprovisionamento de augas potables e abondosas para o servizo do pobo”. Recomendacións pensadas, en grande parte, para os axuntamentos da España central con moitos montes de propiedade estatal, que serían a principal fonte de financiamento das institucións municipais daquelas latitudes. Así, de forma tan pouco heroica e popular se deseñaron os municipios, nun despacho da Coruña, sen a participación activa dos veciños. Veciños que unicamente sancionaron co seu voto o traballo chegado dende a capital provincial. BIBLIOGRAFÍA Para escribir este artigo, ademais da consulta da Gaceta de Madrid e dos Boletíns Oficiais da Provincia da Coruña nos que se recolle a lexislación e a normativa para a creación dos concellos, fóronme fundamentais as seguintes obras, moi nomeadamente a de Xosé Fariña Jamardo: - Fariña Jamardo, Xosé. Os concellos galegos. A Coruña 1990. - Río Barja, Francisco. Cartografía xurisdicional de Galicia no século XVIII. Provincia de Santiago. Santiago de Compostela 1988.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios