“A balsa da Ruña si que podería afectar á subministración de Muros”

A semana pasada, despois do apagón que tivo lugar na península e coa incertidume de por que sucedera ou si volvería a pasar, a alcaldesa de Muros, María Lago, recibiu a varios membros da Asociación Vendaval Costa da Morte. Desta forma, continúan coas reunións que esta asociación está a facer cos concellos da zona, afectados pola construción dunha balsa reversible no Monte da Ruña.
A alcaldesa informou de que estaba ao tanto do proxecto que se quere realizar mais que descoñecía as súas consecuencias. Explicou que lle solicitara información a ADEGA, que nese primeiro momento non falaron desas consecuencias e que o suministro de auga de Muros non se vería afectado, información coa que non concorda Vendaval. Os membros da asociación explicaron “como está comprometido o río Arcos, río que, ademais do concello de Carnota, subministra a poboación de Muros”.
Desde Vendaval, propuxéronlle que os concellos da Costa da Morte podían encargar un informe técnico sobre este tema para eliminar todo tipo de suspicacias. E, ademais, informaron de que nun futuro, a auga que nace na Ruña sería a única auga de boa calidade e que sería a única válida para o consumo. Mais esta desaparecería se os proxectos da estación de bombeo fosen adiante.
Insistiron en que as cidadás e os cidadáns debían estar informados do tema e a alcaldesa comentou que sempre ceden as instalacións municipais para ser usadas por calquera asociación que o precisase e que informar a poboación é vital. Porén, para calquera outro apoio debe tratar o tema máis polo miúdo con todo o equipo de goberno.
Coma cos anteriores alcaldes e alcaldesas, a asociación Vendaval Costa da Morte adquiriu o compromiso de enviarlle toda a documentación relacionada co proxecto.