Os 4 concellos da Costa Bergantiñá apúntanse a un plan de Aforro Enerxético


O camiño está marcado, e o aforro é unha das claves. Xa o ano pasado, os Concellos da Costa Bergantiñá cambiaran conxuntamente o alumeado público. E desta volta, os alcaldes de Cabana, Malpica, Laxe e Ponteceso asinaron co presidente provincial, Diego Calvo, un convenio de colaboración para a posta en marcha dun plan de aforro enerxético. O traballo consta dunha primeira parte de inventario das instalacións e a posta en marcha dunha auditoría para fixar finalmente posibles medidas de aforro enerxético.
Así, coa colaboración provincial, que achega 58.000€, o 100% do plan, poderán financiarse os gastos de toma de datos (inventario das instalacións, campaña de medidas…), o informe de auditoría (descrición das instalacións, indicadores e contabilidade enerxética…), a redacción dun plan enerxético e a definitiva presentación de resultados, que incluirá unha serie de medidas encamiñadas a redución do gasto enerxético nestes concellos.
Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá
A constitución oficial da Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá tivo lugar no mes de maio do ano 2013, cando o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou cos alcaldes de Laxe, de Cabana de Bergantiños, de Ponteceso e de Malpica de Bergantiños o convenio de regulación desa comunidade intermunicipal de prestación de servizos consorciados Costa Bergantiñá.
O convenio serve para regular a colaboración entre os catro municipios e a Deputación, que tamén forma parte da comunidade poñendo a súa disposición todos os medios técnicos e humanos que se precisen para garantir o seu correcto funcionamento, sen que isto supoña ningún custe para os concellos nin para o organismo provincial, xa que o organismo non ten personalidade xurídica propia nin cargos remunerados.
Xa naquel momento os alcaldes dos catro concellos falaron das colaboracións a levar a cabo, centradas na xestión dos residuos, a procura dunha maior eficiencia enerxética ou a promoción de iniciativas conxuntas relacionadas coa cultura e o deporte.
Novas relacionadas
- Cabana, Laxe, Ponteceso e Malpica renovan conxuntamente o alumeado público.
- “Os composteiros caseiros son moi agradecidos, bótaslles residuos e devólvenche compost”.
Fonte
- Deputación.