Os Concellos de Cabana e Malpica seguirán xestionando o Dolmen de Dombate e o ecomuseo do Forno do Forte
09:07 02/01/17
Eduardo Parga, Xesús Soto e José Muíño
O deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto Vivero, asinou hoxe un convenio co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, para a xestión integral do ecomuseo do Forno de Forte de Buño, e outro acordo similar co alcalde de Cabana, José Muíño Dominguez, con respecto ao Dolmen de Dombate.
A través destes acordos, a Deputación transfire aos concellos a xestión dos bens culturais de titularidade provincial, para que organicen as visitas e servizos de guía, programen actividades, fomenten o estudo e a investigación do patrimonio da zona e se encarguen do mantemento e conservación dos mesmos durante o ano 2017.
A institución provincial aportará 120.000 euros aos concellos de Malpica e Cabana de Bergantiños para cubrir os gastos de xestión.
Conxunto etnográfico do Forno do Forte de Buño
Cocedura Tradicional do Forno do Forte na Mostra de Olería de Buño 2016 A Deputación da Coruña colabora co concello de Malpica de Bergantiños desde o 2006, na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á alfarería. Por primeira vez no 2016, a Deputación concedeu a xestión integral do ecomuseo do Forno do Forte de Buño ao concello de Malpica, establecendo así os principios dun acordo que se encamiña cara unha futura cesión do conxunto etnográfico. Entre as funcións que adquire o concello e Malpica de Bergantiños, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana a excepción do luns. Así mesmo, manterase a taberna ao servizo dos visitantes, cunha oferta baseada nos produtos tradicionais da zona.Dolmen de Dombate
Unha visita escolar a Dombate O Concello asumirá o servizo de atención a visitantes e a programación de actividades destinadas á protección, conservación, e posta en valor da "catedral do megalistismo" galego. Tamén se destinan parte dos fondos a seguridade e control de acceso e actividades culturais complementarias de música ou teatro como os ciclos "Inverno na memoria", "Primavera das letras", "Verán cultural" ou "Outono do patrimonio", que se desenvolverán no recinto. Entre outras actividades de difusión e formativas, o Dolmen de Dombate acollerá visitas escolares todos os venres de xaneiro, febreiro, marzo, outubro, novembro e decembro e os xoves de abril, maio e xuño. Así mesmo, realizaranse visitas guiadas abertas ao público en xeral cada 30 minutos. Como actividade nova propóñense as visitas nocturnas nas noites do verán. O convenio estipula os horarios de atención ao público que serán de fin de semana en temporada baixa e ampliaranse a toda a semana en temporada alta. O Domen conta tamén cun teléfono habilitado para a atención a visitantes para cita previa co número 981 754 020 e poderase reservar tamén por escrito a través do correo electrónico [email protected] ou no fax 981 754 229.Novas relacionadas
- Máis de 2.600 persoas visitan o Dolmen de Dombate no mes de setembro
- O Dolmen de Dombate, premio do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia á sustentabilidade
- Máis de 11.000 visitaron Dombate este verán.
- A Deputación denuncia o uso “partidista” do alcalde de Cabana do Dolmen de Dombate.
- Xuño 2016: Uns 2400 escolares visitan o dolmen de Dombate durante a primavera.
- Marzo 2016: AGE pídelle á Xunta que adquira a titularidade do dolme de Dombate.
- 14-01-16: Dombate volve co seu guía.
- 11-01-16: “Dombate non é un centro comercial”.
- Óscar de Souto: Unha de cal e unha de area en Dombate.
- 10-12-15: Comeza o control das pinturas do dolmen de Dombate.
- Un capítulo de Herdeiros pola Forza: Dombáter.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).