Os veciños de Cabana preparan un debate cos 3 candidatos


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños xunto coa asociación Petón do Lobo de Corcoesto e as asociacións veciñais de Cereo e Valenza, parroquias de Coristanco directamente afectadas polo proxecto mineiro e polo PXOM de Cabana, veñen de remitir un escrito aos tres candidatos á alcaldía do Concello de Cabana de Bergantiños, solicitando a súa participación nun debate público para o vindeiro día 16 de maio ás 17:00 horas.
A día de hoxe xa confirmaron a asistencia o candidato do PSOE, Enrique Díaz e o do BNG, Meli Souto, pero os colectivos esperan que o actual alcalde e candidato do PP, José Muíño, responda de contado.
O debate ten por obxecto coñecer o programa político dos candidatos do PP, PSOE e BNG en relación a dous temas de importancia capital: O proxecto mineiro de Corcoesto e o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana, asuntos que consideran do máximo interese para preservar a calidade de vida, non só da poboación de Cabana, senón tamén das parroquias veciñas de Cereo e Valenza, que quedarían afectadas de cheo no caso de que un hipotético proxecto mineiro se puidese desenvolver no termo municipal de Cabana.
Preténdese, por tanto, coñecer o posicionamento claro e contundente dos candidatos sobre o proxecto mineiro de Corcoesto e en consecuencia o que pensan facer en relación ás previsións contidas no documento de inicio do PXOM de Cabana que foi sometido a exposición pública e no que se contempla unha reserva de solo para o proxecto mineiro de Corcoesto. Precisamente por este motivo o documento recibiu multitude de alegacións contrarias por parte da veciñanza de Cabana.
Esta modificación do PXOM consideran que ten por obxecto facilitar o acceso aos terreos a empresas mineiras en detrimento dos intereses dos propietarios e da veciñanza afectada por este tipo de proxectos contaminantes. Neste eido tamén queren coñecer que tratamento se lle vai dar no PXOM -en canto a niveis de protección-, a determinados elementos do patrimonio cultural e etnográfico, así como a outras zonas de especial interese ambiental e paisaxístico.
En relación a estas últimas cuestións queren coñecer tamén as propostas dos tres grupos políticos para poñer en valor estes recursos así como as iniciativas que teñen previsto desenvolver para a dinamización económica, social e cultural do Concello de Cabana para os vindeiros anos.
O debate estará moderado por unha persoa allea a estes colectivos, e durante o mesmo os candidatos poderán presentar as súas iniciativas en relación aos temas obxecto do debate. Unha vez feita a presentación das propostas polos candidatos, estes poderán responder ás preguntas que formule o público asistente.
Novas relacionadas
Fonte
- Asociacións Veciñais de Corcoesto.