Os veciños de Corcoesto rexeitan o PXOM de Cabana de Bergantiños

Xa contamos que o PXOM do Concello de Cabana segue incluíndo o proxecto mineiro de Corcoesto. Ademais, o Concello está a realizar unha serie de charlas informativas por diversas parroquias cabanesas para explicar o PXOM que está en proceso de revisión e que contempla unha reserva de solo dos montes de Corcoesto para unha hipotética mina de ouro.

Foi precisamente na charla celebrada en Corcoesto o venres ás 20:00 horas, cando numerosos veciños da parroquia acudiron á cita do Concello na escola parroquial de Cures, actual local social, para “expresar o seu rexeitamento total ó novo plan xeral, e concretamente á previsión de cambiar a clasificación urbanística do monte de Corcoesto que no actual planeamento goza de protección como solo rústico de protección forestal, para pasalo a clasificación de sistema xeral”, segundo nos conta a Plataforma en Defensa de Corcoesto.

Indican ademais que” esta clasificación, ademais de ser ilegal e de promoverse en total fraude de lei, supón facilitarlle o acceso ás propiedades particulares a empresas mineiras empregando unha clasificación urbanística que nada ten que ver coa minería”.

Informan dende a Plataforma que “precisamente, as categorías de solo de sistemas xerais, son destinadas ao establecemento de elementos dotacionais públicos, tales reservas de solo necesarias para a localización de redes viarias e ferroviarias, áreas de acceso e todas aquelas outras vinculadas ás mesmas, como estacións de ferrocarril e autobuses, portos, aeroportos e instalacións análogas, incluso parques públicos, áreas recreativas e outros equipamentos comunitarios, edificios administrativos, docentes, sanitarios, culturais, etc. En definitiva, que a clasificación prevista non ten nada que ver coa actividades relacionadas coa minaría e o único que pretende é eliminar a actual protección da que goza o monte de Corcoesto coa clasificación de solo rústico de protección forestal, para favorecer os intereses de multinacionais mineiras”.

En consecuencia, os veciños esíxenlle ao alcalde que “deixa de traballar para favorecer os intereses das mineiras e que se “remangue” para defender os intereses dos propietarios dos montes, que se dedique a arranxar os camiños, as carreteras e pídenlle que mire pola parroquia que a ten completamente abandona, coas farolas caendo e sen bombillas”.

E advirten de que “se non rectifica e non se mantén no novo PXOM a actual clasificación do monte, acudirán aos tribunais en defensa dos seus intereses lexítimos para botalo abaixo”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Plataforma en Defensa de Corcoesto.