![Oscar de Souto poeta da Costa da Morte]()
Oscar de Souto, un poeta da Costa da Morte na familia QPC
Poucos divulgadores culturais hai na bisbarra coma el. Casado coa arte, coa poesía, coa música… Óscar de Souto é unha desas persoas que sempre ten unha man tendida, en clave de voluntarismo e colaboración, para facer de altofalante e espallar un discurso crítico e comprometido co territorio.
Hoxe, no marco dos #10anosQPC, queremos coñecer un pouco máis de preto á sucursal bergantiñá de QPC:
- QPC: Colaboración, voluntarismo… son palabras que definen moi ben a túa filosofía para compartir a vida e a cultura?
Son, abofé !!!. Hoxe mesmo, falando entre os/as amigos/as de que tiña unha entrevista, preguntáronme canto me ían a pagar. Efectivamente residimos nun territorio hostil onde non se comprenden nin o voluntariado nin a colaboración. Todo ten que ter un rédito económico ou un interese evidente. Que descendamos dun mundo agrario moi empobrecido poida influir (posiblemente) nesta nova era do “que cada quen se zafe como poida”. Mais a mentalidade social, eidista e costamorteña aínda existe nesa minoría que apoiamos a todo grupo ou proxecto que sexa positivo para a nosa Tribu e para o noso Clan. Esa mentalidade de loitar polo común reside nos corazóns daqueles que entendemos a forza da unión como un importante ben común do que se nutren moitos e moitas.
Os cartos poidan ser moi importantes, claro que si, pero cando che dan sete días de vida deixan de importar tanto, i eu son dos que opinan que a morte é unha sentencia segura que nos vai tocar a todos/as. Cando estoupou a primeira guerra mundial ocorreu que as veces un kilo de patacas carecía de prezo, é dicir, aínda que che ofreceran cen millóns de euros polo teu kilo de patacas como eran todo o que tiñas para darlle de comer aos teu fillos pois non as vendías. O diñeiro é moi relativo.... mais si que é preciso, hoxe en día, por suposto. A cultura ten o mesmo valor que o voluntariado e que o colaboracionismo. Son os piares da sociedade xunto coa comunicación e a industria, entre outras. Por aqui fallan tódolos piares, todos!!!! Por iso é tan importante axudar a achicar neste barco sen timón, sen ronsel e a deriba. A Costa da Morte... morre... esa é a frase.
- QPC: Ante todo, poeta. Cando, como, por que, por quen… comezas a escribir en verso?
Posiblemente os xenes son a resposta. Cando un meniño con catro anos xoga a escribir poemas sen influencias externas enténdese que non é só un neno calquera... é un poeta.
- QPC: Natural de Cabana, pasaches moitos e produtivos anos en Arteixo. Cóntanos que actividades desenvolviches por alí?
Participei en varios libros colectivos con poemas en galego: “Latexos”, “Díxenllo a noite”, “Versus”, “Ar, fogo e desexo”, “Poemas a Manuel María”, etc. Múltiples columnas literarias na xa extinta revista coruñesa Xente Nova (1995-1999), ademais fun cronista, membro e colaborador da redacción e columnista literario da revista Airiños, tamén colaborador, artiguista e columnista literario voluntario en “El Periódico de Arteixo”, entre outros medios. Membro do Xurado do Concurso Literario Manuel Murguía de Contos en 2008 e fundador do, xa desaparecido, grupo cultural e literario O. L. C. A. no ano 2005 ata o 2013. Tamén exercín de Vicepresidente Xoven da Asociación Don Bosco de A. A. A. A. do Calvo Sotelo de A Coruña, entre outras moitas máis actividades culturais e tamén sociais e deportivas.
- QPC: Organizaches ducias de eventos relacionados coa poesía?
Como xa me iniciei moi novo nas tramollas do teatro pois perdín xa a conta das actuacións pero recitais poida que participase nun millón de recitais. Mais durante os meus anos residindo en Coruña e en Arteixo fun o principal culpable de miles de recitais en aberto na metrópole e por toda Galicia.
- QPC: Seica eras temido polos poderes fácticos da zona polos teus artigos afiados de opinión?
Ja, ja, ja, ja.... non son o único!!! Mais os meus temidos inimigos convídanme a fumar e saúdanme amistosamente dicindo “que tal vai, Don Óscar?”. Os artigos de opinión son polo interese xeral do Pobo (Pobo ao que pertenzo e no que milito, Pobo amado, único ao que me entrego lealmente “en plan camicace”). Mais si que me doe que non se defendan e doe ademais todo este silencio informativo que grazas a quepasanacosta (mitigamos un pouco) na medida das nosas humildes posibilidades. Os poderes fácticos teñen que roernos con sal... ou sen sal.
- QPC: Cando comezas a túa andaina nas radios irmandadas da Costa da Morte, Radio Roncudo e radiONeria?
Xorde polo ano 2005 da man do meu estimado amigo Óscar Manuel Rey Calo, principal culpable da miña ilusión actual pola radio. Aínda que actualmente non teño tempo libre para adicarlle a este hobbie o tempo que require. Mais recoñezo que son medios moi importantes para o noso eido.
- QPC: Que aportan estas radios libres á bisbarra? Que lles fai falla para dar ese empurrón que as convirta en referentes culturais e informativos?
As radios ceibes carecen de donos e de anuncios e de subvencións e para seguir sendo libres seguirán asi, polo tanto, ser referentes non é a súa prioridade e nunca o vai ser. Mais aínda queda audiencia e ela, a audiencia, é o verdadeiro motor das radios veciñais. Medre a radio ceibe!!!!
- QPC: Este ano decides unirte á familia QPC para ser os ollos do diario por Bergantiños. Que che fai colaborar con este diario?
Temos demasiado que arranxar e demasiado que contar, demasiado. Esa é a gran razón. Se outros medios comunicasen de xeito plurar e en galego cecáis non fose preciso o QPC ou Óscar de Souto. As cousas xorden a cotío porque son necesarias. Eu entendo que somos necesarios por iso a miña aposta a todo por nada. A comarca precisa información fresca e sen medos. Os cambios son para mellorar o que vai mal e a quen lle vai “de putísima madre” adoitan odiar os cambios e a todo aquel que queira cambiar as cousas. E a comunicación valente e implicada co eido adoita mellorar cousas pasiño a pasiño. E eu quero apuntarme nesa loita. Porque eu quero axudar a mellorar a nosa Costa.
- QPC: Que cres que aporta QPC á Costa da Morte? Cales son os seus puntos fortes?
Un medio noso e en galego, con iso xa tiña que chegar. Mais creo que na prensa en papel igual non existe oco para todas as voces... e moito menos para as voces críticas. E sen crítica non pode existir o cambio.
A pluralidade e a inmediatez son os puntos mais fortes do QPC. Mais todas esas redes veciñais de colaboradores deste medio aumenta en calidade e en número, e esa é a clave de todo proxecto. Algúns xa non podemos imaximar á Costa da Morte sen o seu QPC “de cada día”.
![Oscar de Souto recitando na Polafia de Cabana]()
Oscar de Souto recitando na Polafía de Cabana
- QPC: Agora andas preparando un tema moi especial para ti. Cóntanos o que poidas desa colleita poética na que andas traballando.
"Faros". Coa gran idea do Camiño dos Faros como inspiración andamos argallando unha colleita poética e artística colectiva que alume toda esta escuridade cultural. A escolma Faros vai nacer para o 2018, pois de momento aínda se está xestando no ventre dun novo Batallón, con xente da nosa Patria costamorteña, como non. E ata aquí podemos leer, de momento, pois esto xa é primicia en exclusiva. A miña función vai ser como participante, maquetador e coordinador (de momento). Mais como vai ser un proxecto vivo e moi grande eu non descarto que alguén mais se sume a esa coordinación. De momento Claudia Castro (escritora e xornalista cormelanosantiaguesa) e Ricardo S. Morano (escritor da metropole) son a miña man dereita e a esquerda neste proxecto aínda en proceso. Mais dende a súa primeira impresión ata a derradeira entrega estará sempre en eterno proceso. Conto con que algúns poetas do vello Batallón tamén se unan a esta humilde escolma de grupo. Faros quere ser luz para esta noite. Luz en verso. Luz mediante o noso novo verso. Verso entendido, verso que xura e maldí, verso que se alza por fin.
![Oscar de Souto cos trasnos no Camino dos Faros]()
Oscar de Souto explicando a historia do Castro de Borneiro aos trasn@s do Camiño dos Faros
- QPC: É a Costa da Morte unha verdadeira potencia cultural? Que nos falta para ser importante a nivel galego, para trascender no tempo como fixo aquel Batallón Literario?
Os escritores/as da Costa da Morte son a gran potencia cultural de Galicia. A falta de lectura e as dificultades deste gran territorio hostil poida que sexan o abono perfecto para tanto escritor/a grande. Coido que temos moita sorte de ter a escritores vivos por aquí como Rivas, Modesto Fraga, Suso, Xaime, Estevo, Velay, Alexandre, Lado, Rocio, etc, etc... Falla a unión, eso si. Pero somos indicativo indirecto da sociedade a que reflectimos. Se a sociedade costamorteña está totalmente dividida pois... nós tamén, que carallo!!! Eu non formei parte do Batallón Literario da Costa da Morte pois eu naquela época liderei varios grupos similares pero na metrópole coruñesa. Mais síntome moi vencellado a moitos dos ex-integrantes dese grupo literario. Precisamos outro Batallón, é urxente.
#10anosQPC
Entrevistas polos #10anosQPC
Artigos polos #10anosQPC