Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Parque do Megalitismo dá pasos concretos

O Parque do Megalitismo dá pasos concretos
Reunion de alcaldes do Parque do Megalitismo da Costa da Morte en Dombate  Novo paso adiante cara a creación do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Nótase que as eleccións municipais de maio de 2019 están á volta da esquina e tanto a Deputación como os 10 alcaldes da zona implicados queren darlle un impulso importante e poder empregar, con xeito, o medio millón de euros que hai de orzamento. Este mércores 28 de novembro celebrábase no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate a primeira reunión oficial do Comité de Dirección, logo de quedar constituido a pasada semana. Recollendo Plan Director do Parque do Megalitismo que aprobou hai máis de 10 anos a Xunta (19 anos dende que se pronunciaron as primeiras promesas), a Deputación está impulsado este proxecto para dúas cousas: “para que a sociedade tome conciencia do seu patrimonio e o defenda; pero tamén ten que haber unha estratexia turística para co propio Parque, porque as cousas que funcionan acaban sendo máis coidadas que as esquecidas”, como nos explica o deputado carballés Xosé Regueira, verdadeiro impulsor do proxecto. ”Temos moitos pasos por diante, porque estaba moi parado, pero todos os alcaldes estaban dacordo en facer algo para poñer isto en valor e saben o que teñen e poden facer para convertir esto nun bo produto turístico”. Unha das cousas que tratou a reunión é a axuda legal que a Deputación aportará aos Concellos para que estes comecen os procesos de expropiación (por exemplo na necesidade de propoñer unha segregación dunha finca por interese público). Cousa fundamental, “porque nos atopamos coas queixas de que moitos dos dolmes non se podía visitar porque estaban descoidados, pero claro é imposible mantelos visitables se non son os concellos os propietarios”, explica Regueira. Houbo pequenos pasos tamén no proxecto de divulgación, pois xa se encargou o logotipo para a marca do proxecto integral. A reunión tamén serviu para escoller a José Manuel Pequeño como presidente da Comisión por ser o concello de menor poboación, e el encargarase de poñer a vindeira data. Os alcaldes irán traendo a información para catalogar, expropiar… “A ver se temos información na vindeira para dar pasos en serio cara adiante”, sinala Regueira.

14 xacementos e 2 menhires

Arca da Piosa xa forma parte da Ruta das Anta Forman parte do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte 14 fitos:Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. Os concellos que forman parte do Parque do Megalitismo son Malpica, Carballo, Zas, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Dumbria, Corcubión, Mazaricos ademais da Laracha e Ponteceso, incluídos nesta nova andaina por dúas razóns: porque os dous teñen un menhir catalogado, o que aporta unha sinular riqueza ao Parque, e polo contido inmaterial que aporta Pondal a todo isto.

Parte inmaterial, da man de Pondal

Precisamente esa mitoloxía pondaliana tamén se vai incluír como fío condutor do Parque, poñendo tamén esa necesaira parte de patrimonio inmaterial. “O bardismo que se encerra na poesía de Pondal demostra perfectamente a vivenza dos dolmes e a cultura prehistórica da Costa da Morte”.

Dombate, centro de operacións

O proxecto quere xa aproveitar a creación e o bo funcionamento do Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, que servirá como centro de operacións para facer rutas guiadas, ou para crear unha ruta que poida servir de guía aos visitantes.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/o-parque-do-megalistismo-cada-vez-mais-cerca/ https://quepasanacosta.gal/a-deputacion-recupera-do-caixon-do-esquecemento-o-parque-do-megalitismo-da-costa-da-morte/

Fonte

Comentarios