O PIMD Rural de Íntegro iniciará o luns 12 un curso para mulleres do rural sobre o manexo do teléfono intelixente
Volven, paseniño, as actividades presenciais a Integro. De feito, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural) iniciará a vindeira semana unha nova acción formativa gratuíta, dirixida a mulleres, preferentemente con disCapacidade, que residan no medio rural. Desta volta, a actividade consistirá nun taller de manexo de teléfono intelixente, que dará comezo o próximo día 12 nas instalacións da asociación Íntegro en Nantón.
As sesións, de dúas horas de duración, xirarán arredor do uso e manexo responsable dos dispositivos móbiles (whatsapp, correo electrónico, redes sociais, APP´s, ...). As participantes dividiranse en grupos reducidos para garantir unha atención individualizada e manter as medidas de seguridade e hixiene fronte á COVID-19. En caso de que a demanda supere as expectativas previstas, ao rematar esta acción, realizarase unha segunda edición para acoller a todas as aspirantes ao curso.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ao longo desta semana chamando ao 981 734 985 ata cubrir as prazas aínda dispoñibles.