Queremos Galego: “Nestes intres a oficialidade plena do galego é pura ficción”


A plataforma Queremos Galego Bergantiños-Costa da Morte concentrouse a pasada mañá do sábado 31 de xaneiro no dólmen de Dombate nun acto simbólico en defensa da lingua galega onde denunciou a difícil situación en que se encontra a lingua propia de Galiza: “Os datos de uso do galego publicados polo IGE deixan en evidencia as políticas de retroceso do galego levadas a cabo polo goberno da Xunta nos últimos anos e multiplicaron o risco de supervivencia do galego nas vindeiras xeracións”.
A plataforma manifestou que aínda que en Bergantiños e na Costa da Morte o galego conta cunha boa porcentaxe de falantes, quen desexa desenvolver a súa vida plenamente en lingua galega non ten o seu dereito garantido, ao igual que no resto do país, porque o galego é prácticamente inexistente no cine, nos medios de comunicación, na telefonía, nos bancos, nas empresas subministradores de enerxía, nas notarías, nos seguros…Nestes intres a oficialidade plena do galego é pura ficción”.
Esixencia e optimismo
A plataforma cidadá reclamoulle á Xunta “que non lle vire as costas ao galego cando este máis necesita apoio institucional” e exixiulle “a execución inmediata do Plan Xeral de Normalización da Lingua e da Lei de Normalización Lingüística”.
A pesar de que “estamos nun momento crucial para o futuro do galego”, a plataforma mostrou o seu optimismo de cara á recuperación dos usos e dereitos do galego “soterrando as políticas lingüísticas galegófobas do actual goberno da Xunta e restituíndo o galego como lingua verdadeiramente oficial a todos os efectos”.
Novas relacionadas
- A lingua galega sobrevive na Costa da Morte.
- Propoñen adicar o mes de febreiro ceense a Rosalía de Castro a prol da lingua galega.
- Queremos Galego combate a perda de falantes con cultura na nosa lingua.
- Construíndo o futuro dos medios en galego.
- Lema Suárez: A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?.