Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha vintena de políticos imputados na Costa da Morte

Unha vintena de políticos imputados na Costa da Morte
Alguns politicos imputados da Costa da Morte

Menuda lista… Facendo repaso dos políticos imputados na Costa da Morte quedamos sen palabras. Ata 20 políticos imputados (seguro que se nos escapa algún…), entre eles 6 alcaldes, e 5 ex alcaldes, levan enriba algunha imputación e o peor é que non hai ningunha consecuencia, nin por parte dos seus partidos, nin da cidadanía. E ollo, 0 denunciados.
O Caso do Concello de Santiago, onde veñen de dimitir 9 dos 13 edís que formaban o goberno do PP, é dos máis sonados do país, e por fin vimos unha dimisión en bloque.

Mentres, na Costa da Morte, foron varias as tramas de corrupción mediátricas, destacando a Operación Orquesta, que tras 3 anos de proceso aínda non resolveu absolutamente nada (deberíamos estar xa co xuízo oral pero o cambio de xuíz retrasou o procedemento), pero na que seguen 25 imputados, 3 deles alcaldes.

Outra das tramas máis sospeitosas é a do Fraude Forestal, Caso Maceiras ou “Operación Forest”, tamén con 26 imputados entre banqueiros, empresarios, membros das administracións, de Correos. Non sabemos nada dende decembro pasado, pouco despois de que a mesma Xunta se personase como afectada a pesar de que varios membros da Consellería tamén están imputados.

O último imputado coñecíamolo a semana pasada en Corcubión, onde o teniente de alcalde, Lalo Insua, vén de ser chamado a declarar por autorizar o pago ao avogado que defendeu ao alcalde no proceso xudicial interposto polo electricista

Políticos imputados nos Concellos da Costa da Morte

Tras facer un repaso de todos os políticos imputados, parece que safan o Concello de Cabana, Carballo, Dumbría, Laxe, Muros, Ponteceso e Zas. O resto, aquí os repasamos:

Concello de Camariñas

O alcalde Manuel Valeriano Alonso, Pichurri, segue imputado pola suposta “Trama dos Seguros”.

Concello de Carnota

O Concello está inmerso nun complicado proceso polo asunto dos despedimentos dos traballadores municipais, se ben o caso relaciónase coa necesidade de pasar a declarar do ex alcalde José Oreiro e a voceira do PP carnotán Marisol Piñeiro por un caso de “contratación a dedo”.

Concello de Cee

Ramón Vigo, ex alcalde e actual concelleiro da oposición por IxCee, por presunto delito contra a Administración Pública, nas súas modalidades de tráfico de inluencias, prevaricación e suborno, ademais de malversación de fondos públicos e tamén por suposta falsificación de documentos públicos, oficiais e mercantís na Operación Orquesta; o tamén ex conceleliro Juan Bautista Areas Lestón, Candiño, concelleiro de Obras, así como a ex xefa de gabinete, o arquitecto municipal, a secretaria e un policía local.

Concello de Corcubión

Francisco Javier Lema Fuentes “Chisco”, alcalde de Corcubión, por presunto delito contra a Administración pública, nas modalidades de tráfico de influencias, prevaricación e suborno na Operación Orquesta. Tamén está José Louro País polo Caso Maceiras, pero desta volta como empregado do Banco Pastor en Vimianzo. O último imputado é o teniente alcalde Lalo Insua, por aprobar a contía do abogado do alcalde no caso xudicial interposto polo electricista, e sobre o que o alcalde xa ten dito que “se o teniente alcalde ten algún problema”, dimitirá con el.

Concello de Coristanco

O alcalde coristanqués, Antonio Pensado está sendo investigado por suposto trato de favor a varias empresas.

Concello de Dumbría

O alcalde José Manuel Pequeño non está imputado, está denunciado por asuntos urbanísticos, aínda sen resolver pero na que tampouco foi imputado, mentres que saíu absolto dunha denuncia doutra denuncia tamén posta polo voceiro do PP por “inxurias” nunha rifa no pleno.

Concello de Fisterra

O alcalde José Manuel Traba, suposto Delito contra a Administración Pública, nas súas modalidades de tráfico de influencias, prevaricación e suborno na Operación Orquesta, cunha imputación semellante á do teniente alcalde, Santiago Insua, e o concelleiro Ramón Redonda. Ademais, o secretario e o arquitecto técnico tamén están imputados.

Concello de Malpica

O ex alcalde malpicán José Ramón Varela ten unha causa pendente pola recalificación dun terreo na Atalaia no 2003.

Concello de Mazaricos

José Manuel Santos Maneiro, alcalde de Mazaricos, por presuntos delitos de tráfico de influencias, prevaricación e suborno na Operación Orquesta. Un Concello no que tamén están imputados por este mesmo caso a secretaria municipal, o arquitecto, o conserxe e un par de empresarios.

Concello de Muxía

A causa que tiña o alcalde muxián Félix Porto pola chamada “trama agraria” xa foi arquivada.

Concello de Santa Comba

O ex alcalde xalleiro Toja Parajó (PP) polo tema das supostas concesións aos “tablaos”.

Concello de Vimianzo

O ex alcalde Alejandro Rodríguez e o concelleiro do PSdG José Antonio Miñones seguen pendentes do caso do sobrecuste da Casa da Cultura.
Ademais, o alcalde actual, Manuel Antelo, ten varias denuncias pendentes, e tamén denunciou ao edil de IxVim Manuel Soto.

Reaccións

Reaccións das oposicións temos moitas. En Camariñas, por exemplo, o novo e combativo Independientes por Concello de Camariñas comprobaron a semana pasada a lentitude da xustiza. Recordan que “o Alcalde de Camariñas nestos momentos ten varias causas abertas, unhas pendentes de establecer o seu nivel de imputación como é o caso da denuncia ante a fiscalía anticorrupción e que ésta transmitio o Xulgado de Corcubión para que abrise expediente por presunta prevaricación administrativa (contratos a dedo), e outras están pendentes de certos trámites por varios tipos de presuntos delitos contra o erario público, cometidos supostamente aproveitándose da súa condición de Alcalde e beneficiando a súa propia empresa de seguros”, denuncian.
Ademais, lamentan que “despois de tres anos, hai que observar con asombro e perplexidade cómo aínda están levándose a cabo dilixencias de instrucción sobre a causa da “Trama dos Seguros” que afecta ó Alcalde de Camariñas, e o que é máis preocupante, agora mesmo, sin actividade no xulgado sobre esta causa por estar pendentes dun informe solicitado a UDEF fai prácticamente un ano”.

Expulsións?

Outra reacción é a expulsión dos partidos. Ningún partido expulsou aos seus membros por estar imputados, pero si 6 foron expulsados por desobedecer as directrices do partido, como foi o caso dos 3 ex edís do BNG de Cee ao pactar co PP para levar adiante a moción de censura contra o ex alcalde Ramón Vigo, o de Plácido García precisamente o IxCee por diverxer no tema da fábrica de tubos ou o caso dos edís socialistas vimianceses Roque Rodríguez e Monsterrat Vázquez por apoiar a moción de censura contra o alcalde do BNG.

  • * Os políticos que saen na foto son os seguintes, de esquerda a dereita e despois baixando fila a fila: Antonio Pensado (PP Coristanco), Marisol Piñeiro (PP Carnota), José Oreiro (PP Carnota), Pichurri (PSOE Camariñas), Toja Parajón (PP Santa Comba), Chisco (PSOE Corcubión), Lalo Insua (PSOE Corcubión), José Louro Pais (PSOE Corcubión), Candiño (IxCee), Ramón Vigo (IxCee), Varela Rey (PSOE Malpica), Santiago Insua (PP Fisterra), Alejandro Rodríguez (PSOE Vimianzo), Santos Maneiro (PP Mazaricos), Ramón Redonda (PP Fisterra) e Traba (PP Fisterra).

Novas de corrupción política

Comentarios