Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A veciñanza presenta alegacións contra a fragmentación irregular dos PE Alto Torreiro e Bustelo e Baralláns

A Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra pide aos Concellos de Coristanco e Cabana que abandonen o seu mutismo, e que ofrezan información aos seus veciños sobre as afeccións destes parques eólicos
Mapa dos PE Alto Torreiro e Bustelo-Barallans
Mapa no que se pode comprobar a proximidade dos Proxectos Eólicos de Alto Torreiro e Bustelo e Baralláns
A veciñanza presenta alegacións contra a fragmentación irregular dos PE Alto Torreiro e Bustelo e Baralláns

Unha vez constituída, a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra xa está en marcha intentando loitar contra a invasión de proxectos eólicos. A primeira acción é a presentación de alegacións contra PE Alto do Torreiro, que afecta directamente ás parroquias de Corcoesto e Silvarredonda no Concello de Cabana e ás parroquias de Valenza e Cereo no Concello de Coristanco.

Uns dos principais puntos que se denuncian nas alegacións, sería un claro caso de fragmentación irregular de dous parques, PE Alto do Torreiro e PE Bustelo Baralláns: “ambos proxectos son idénticos, comparten liñas de evacuación, a mesma subestación colectora e a potencia instalada dos dous parques excede do 50MW. Por todo isto estamos ante un caso típico de fragmentación irregular, fragmentación que favorece na súa tramitación á empresa promotora ao non avaliar os impactos non seu conxunto senón fragmentados en dous parques”, denuncian.

Impacto e segregación do territorio

As asociacións tamén denuncian a minimización dos impactos paisaxísticos sobre área de especial Importancia Paisaxística (AEIP) Río Lourido, afección a rede hidrolóxica subterránea, unha afección severa ás explotacións forestais (sector primario).

Denuncian ademais que os “dous parques contribúen a unha maior fragmentación dun territorio onde xa temos a autoestrada da Costa da Morte AG-55, o parque eólico Silvarredonda en funcionamento, estando o aeroxerador máis próximo a 1.317 m. desde o aeroxerador ATR-03, e a todo isto habería que sumarlle os novos viais e liñas de evacuación. Esta fragmentación do territorio provoca unha afección severa á paisaxe e unha perda da biodiversidade”.

Lembran que “a distancia aos núcleos de poboación comprendidos entre os 500 e 900 metros, afectan a un total de 11 núcleos de poboación, provocando isto unha alteración severa do benestar das familias que habitan os núcleos”. Ademais, denuncian que “a empresa promotora oculta o núcleo de Baralláns, que queda a escasos 200 m. de distancia dun aeroxerador, demostrando así a pouca sensibilidade e respecto polas persoas e o cumprimento da propia normativa”.

As administracións

A Coordinadora esixi da Xunta “a paralización da tramitación destes parques eólicos tramitados baixo un amparo dunha liberación administrativa, favorecendo o espolio e especulación dos nosos recursos.

E piden tamén aos Concellos de Cabana e Coristanco que se posicionen “de lado da veciñanza na defensa dos seus dereitos, saír dunha posición de subordinación ante estas empresas, tomando como exemplo os Concellos de A Baña e Lalín, loitando xunto cos veciños contra estes megaparques eólicos. Deben abandonar o seu mutismo, ofrecer información aos seus veciños sobre as afeccións destes parques eólicos”, solicitan

Novas sobre os eólicos

Comentarios