Vinte mozos do Estado coñecerán as terras de Cabana de Bergantiños a través dun Campo de Traballo


Na mañá deste venres 15 de abril, no salón de plenos da Casa do Concello, Ángel Eiroa (técnico municipal de turismo), José Muíño (alcalde de Cabana de Bergantiños) e Carlos Conde (profesor de Educación Física no CPI As Revoltas) presentaron o proxecto de Campo de Traballo que se vai desenvolver na última quincena do mes de xullo de 2011 e no que participrán 20 mozos e mozas de 18 a 24 anos que proceden de comunidades de todo o Estado.
A actividade desenvolverase baixo o formato de campamento de verán. Así, os asistentes pernoctarán e realizarán os seus descansos no pavillón municipal. En xornada diúrna, dedicaranse a recuperar o entorno fluvial coñecido co nome de Rego dos Muíños ou do Roncaduiro, espazo que comunica desde a zona do Lodeiro ata o acceso ó castro A Cidá de Borneiro.
Entre os traballos de carácter medioambiental a realizar están a limpeza da maleza e rastrollos do roteiro, a mellora e mantemento de paneis, a identificación da flora, a sinalización do roteiro, o adecentamento de zonas de lecer, a recollida de lixo e o acondicionamento de muíños. Como tarefas etnográficas e patrimoniais a realizar están as de coñecer o funcionamento e as partes dun muíño de regato así como costumes, tradicións e aspectos lingüísticos arredor dos muíños e o seu contorno.
Esta actividade, que organiza o Concello de Cabana de Bergantiños, está promovida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Cabana.