Unhas 10.000 persoas comprobaron o valor dos 30 anos da Mostra do Encaixe

Foto de familia do Certame de Deseñadores Noveis
Anna García Viu convértese na gañadora do XXVII concurso de Noveis Deseñadores coa colección The Beautiful Brut

Botou o peche a XXX edición da Mostra de Encaixe de Camariñas Deputación Coruña 2021. A edición “máis esperada”, despois de 600 días de espera, que volveu convertir Camariñas na capital da moda. 5 días cheos de actividades nas que a tradición e a vangarda se dan a man.

5 días nos que pasaron polo pavillón Víctor Vigo unhas 10.000 persoas, demostrando que non só triunfa por Semana Santa, que o encaixe é produto de temporada todo o ano.

A última xornada acolleu as últimas demostración das palilleiras homenaxeadas, pero tamén dos rapaces e rapazas do PequEncaixe, pois nun fermoso intercambio xeracional, sobre a pasarela, se deron o relevo o presente e o futuro do encaixe de Camariñas.

Houbo tamén novas saídas do ArtEncaixe, un novo desfile que, tralo éxito acadado, parece que chega á Mostra para quedarse. Non faltaron os Grandes Deseñadores, que se despediron de Camariñas e do público ata a seguinte Mostra realizando un último pase, cargado de festa e emoción.

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, agradeceu no seu discurso a “todas as persoas que traballaron a reo e se implicaron para que todo saíse ben” e deu por clausurada “a Mostra máis agardada, que 600 días despois foi unha realidade”. “Estou segura de que, cando pasen 30 anos, seguirase vivindo coa mesma ilusión”, afirmou, ao tempo que presentou, xunto á alcaldesa o cartel da vindeira XXXI Mostra do Encaixe, que se celebrará do 13 ao 17 de abril de 2022.

Final do Certame de Deseñadores Noveis


Entrega do primeiro premio

A mañá do martes estivo protagonizada pola entrega dos premios aos gañadores do XXVII concurso de Noveis Deseñadores, que repartiron 4.500€. O primeiro premio (2.100€), entregado pola alcaldesa, Sandra Insua, recaeu nas mans de Anna García Viu, que conquistou ao xurado coa súa colección The Beautiful Brut.

O director de sustentabilidade de Stolt Sea Farm, Carlos Tavares, entregoullle o premio a Enxebre II, de Rocío Molina López e Alba Cobos Ropero, que quedou en segundo lugar (1.200€); mentres que a colección Déjame Encajar de Rebeca Mercado Alfaro, que recibiu o premio de mans da concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro; acadou o terceiro posto (600€). O “Premio especial do público”, entregado polo vicepresidente da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Reinaldo Tajes, foi para Alba Otero con Carrera de Indias.


Segundo Premio

Recoñecemento ás Escolas de Palillo e Torneo de Xadrez

O Concello tamén fixo entrega duns agasallos aos nenos e nenas das Escolas de Palillo e tamén se encargaron da entrega de premios do III Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe de Camariñas.

 

Mostra 2021

MÁIS NOVAS DA MOSTRA