A tradición dos Enterros de Entroidos na Costa da Morte
Non decae a festa do Entroido na Costa da Morte. Parece que todo o contrario, pois vemos que todos os Concellos, e as entidades sociais, presentaron un completo programa de actividades e festas digno de admirar.
E unha das cousas que máis sorprende nestes últimos anos son a proliferación dos Enterros para pechar as festas "carnavaleiras". Uns Enterros que simbolizan perfectamente a habitual disxuntiva costeira de celebrar a festa no día propio do "santo", non exactamente neste caso xa que falamos dunha das poucas festas laicas galegas. O caso é que pouco a pouco o "Mércores de Cinza" foi dando paso ao "Sábado de Piñata" para as famosas queimas.
Falamos cos nosos especialistas para ver de onde vén esta tradición e para coñecer algo máis destas procesións tan fúnebres como irónicas.
Das Sardiñas aos persoeiros
Cóntanos Manuel Vilar que un vello crego nado no 1900 faláralle do Enterro do Entroido, sen identificar sardiña algunha. En todo caso, e como nos conta Xosé María Lema Suárez, as coplas, en forma de choros, eran protagonistas, e de feito os naufraxios eran habitual tema das mesmas, coma a historia do buque Nil que aparece no libro dos naufraxios de Baña Heim. Ademais, como indica Vilar, "a cousa antes non era tan pomposa e máis espontánea, todo era máis informal que agora, menos estruturado, pero tamén había comparsas e bailes nos casinos". Cóntanos Vilar unha anécdota que lle contara o mesmo Ramón Caamaño sobre a falta de organización e espontaneidade da festa: "Un exemplo: un dos casinos de Muxía contratou unha orquestina para o baile. Cando chegaron os músicos os intrumentos eran un pau para a trompeta, un coleiro para o saxo, o tambor estaba rachado, e así fixeron o baile. Pensas que isto pasaría hoxe?
Lema Suárez apúntanos tamén que "enterro da Sardiña era tradición en moitos lugares da Costa da Morte. Pero desde hai anos substituiuse a sardiña por outros personaxes". Interesante ese cambio da sardiña á Mikaela, unha das personaxes máis senlleiras do entroido de hoxe en día en Bergantiños. Se ben Lema Suárez lembra o Galo de Zas, senlleiro nos anos 80 e 90, un costume que deixou de celebrarse por ser algo bárbaro (coma os touros... que son Ben de Interese Cultural, pero bueno...).
Os personaxes do Entroido
É así como chegamos ás figuras do Entroido, todas marcadas por unha complexa e festexeira vida, que remata en traxedia non sen antes ter o seu momento de gloria. Así acontece coa Mikaela de Buño, que convirte o entroido nun auténtico Vía Crucis de Bares pola vila oleira e que xa é unha das festas escollidas pola mocidade bergantiñá.
Pero a histora da Mikaela xa vén de comezos do século pasado, pero tras varias idas e vidas agora leva dende os 70 celebrándose ininterrumpidamente. Tremendo é o funeral do Cura Laico de Buño, o panadeiro Padre Añón, que precede á queima da "falla", nunha festa que abriu as portas ás mulleres dende hai apenas 6 anos, pero que agora sería impensable sen elas.
Temos tamén en Bergantiños outras figuras ilustres, que en boa medida poden considerarse fillos da Mikaela, como o Farruco de Seaia, o Faustino de Malpica, os Madamitos e Ghuadineiros de Cerqueda ou o Caietano de Laxe, moi ben recuperada nos últimos anos. Non é outro o Caietano que o borracho da vila, que un bo día convence ao pobo, con mil promesas festexeiras, para facelo alcalde. Non tarda unha semana o pobre en caer preso da xustiza e o pobo asistíu, triste á execución da súa pena de morte, como nos contan na súa historia completa.
Interesante ver como a Sardiña segue a ser a protagonista do final do entroido en vilas como Cee, O Pindo, Camariñas... Mentres cara o sur, a historia busca chorar a Don Facundo, como vimos en Muros ou en outras vilas carnotás como Lariño.
E curiosa e potente a aposta dende Muxía, que propoñen o Enterro do Percebe da Barca, unha idea simpática, que pode facer revivir esta parte da festa de "carnaval" na Costa da Morte.
Novas relacionadas
- 2013: Muros pechou o Entroido cun fúnebro Entroido de Don Facundo.
- 2012: A Mikaela peregrinou por todas as tabernas de Buño.
- 2011: A Mikaela, un Vía Crucis de bares.
- A historia do Don Caietano.
- Cerqueda recupera o seu patrimonio coa gravación dunha Polafía.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).