Aberta a licitación para as obras de rexeneración o paseo da Ponte do Porto

06:17 28/12/18

No marco do importante proxecto de rexeneración da Ponte do Porto, a Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de acondicionamento da travesía de Ponte do Porto. Deste xeito, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de xaneiro.
Unha obra que permitirá mellorar a seguridade vial nos primeiros 330 metros da estrada provincial DP 1603, a zona do paseo e renovar o paseo peonil polo que discorre para crear un espazo de ocio e esparcemento para os veciños.
Actualmente, a vía conta cun amplo paseo, á beira da ría do Porto, formado por beirarrúas de baldosa hidráulica, que debido ao paso do tempo presentan un deterioro importante. Para remediar estas carencias, as obras contemplan o fresado da capa de rodaxe e a posterior reposición do pavimento con cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. De igual xeito, procederase á demolición das beirarrúas e bordos existentes e levarase a cabo unha nova distribución das zonas axardinadas. Rematados estes traballos, construiranse novas beirarrúas. As obras tamén incluirán a creación de novas prazas de aparcamento, pavimentadas con formigón. Para delimitar o a zona de aparcamento coa calzada, disporase unha canaleta prefabricada de formigón dotada cunha reixa para que tamén cumpra a función de recollida de augas pluviais.