Afunde tamén a proa do narcosubmarino que permanecía a flote

Recolle o operativo a estas horas a Garda Civil no porto de Camariñas. A operación de remolque cara o porto de Camariñas da proa, que aínda permanecía a flote, desenvolta esta mañá, fallou.
As tarefas de remolque realizadas en colaboración da Garda Costa e do buque “Sebastian Docampo”, remolcador de maior capacidade que o buque do Servizo Marítimo, “realizáronse con gran dificultade debido á constante rotura da cadea utilizada na operación”, sinalan dende a Garda Civil, de xeito que “os movementos realizados durante a operación provocaron a perda da burbulla de aire que mantivo a sección a flote. Isto provocou a entrada de auga no casco, que finalmente se afundiu a uns 500 metros do porto de Camariñas”.
Neste momento, co resto do submarino afundido por completo, suspendéronse os labores de rescate xa que xa non supón un perigo para a navegación.
Tamén se informa de que as operacións de retirada do casco foron canceladas pola entrada dun temporal na zona de traballo nas próximas horas.
A Garda Civil agradece a colaboración de todas as institucións e embarcacións implicadas nos traballos realizados ata o momento.