venres. 07.02.2025
El tiempo

Aprazan as labores de remolque do narcosubmarino ao afundirse parcialmente

  • Última hora [xoves 23, ás 9:30h]: A G.C. traballa en colaboración cunha empresa externa especializada para mover a parte do submarino que está a flote, operación que se desenvolve ao longo do día de hoxe.
  • Mentres, na zona despréganse equipos da Garda Civil que realizan tarefas de seguridade e investigación, polo que rogan á veciñanza que respecten o perímetro de seguridade establecido.
narcosubmarino afundindo na ria de camarinas
Narcosubmarino afundindo na ría de Camariñas
Aprazan as labores de remolque do narcosubmarino ao afundirse parcialmente

Complicada está sendo a labor de remolque ata o porto de Camariñas do narcosubmarino aparecido esta mañá de mércores 22 de xaneiro de 2025 preto da punta da Barca.

As labores de remolque do narcosubmarino (duns 15 ou 20 metros de eslora) ata o porto de Camariñas, onde espera un completo operativo da Garda Civil, tiveron que ser aprazadas tras afundirse parcialmente a uns 300 metros do porto camariñán nunha zona de pouco calado. Foi o pesqueiro laxense María Cristina o que o atopara a primeira hora da mañá, a flote e coa escotilla aberta, e o comezara a remocar.

Pero a metade de camiño, preto do porto, o sumerxible rompeu, quedando a proa a flote, é posiblemente onde se aloxan os depósitos de combustible; mentres a popa, que inclúe a sección do motor, afundiuse, polo seu maior peso.
A parte afundida non está situada xunto ao tramo flotante e estímase que está a unha distancia entre 100 e 200 metros.

A Garda Civil e do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) analizan a situación para asegurar o submarino e para afrontar a súa inspección.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, explicou que "polas características que puideron apreciar lémbranos a outros sumerxibles que xa detectamos nas nosas costas e que se utilizan para o transporte de droga", pero non puido confirmar a presenza da mesma. 

Este sería o terceiro semisumergible atopado en augas de Galicia. O primeiro deles foi localizado en Aldán en 2019 e o segundo na ría de Arousa en 2023.

Comentarios