luns. 17.03.2025
El tiempo

En Camariñas encaixa a igualdade cunha ampla programación de actividades para o 8M

María Jesús Lema homenaxeada polo 8M en Camarinas
María Jesús Lema, unha das homenaxeadas polo 8M en Camariñas
En Camariñas encaixa a igualdade cunha ampla programación de actividades para o 8M

O Concello de Camariñas conmemorará o Día Internacional da Muller, do 8 de marzo, cun conxunto de actividades que se estenderán durante todo o mes, dedicadas á promoción da igualdade e ao recoñecemento das mulleres que contribúen ao desenvolvemento do municipio. Estas iniciativas buscan sensibilizar á cidadanía e dar visibilidade ao papel fundamental das mulleres camariñás en distintos ámbitos.

Homenaxe 

Hoxe, venres 7 de marzo, o Concello de Camariñas levou a cabo a primeira das accións que organiza para conmemorar o 8M. A alcaldesa, Sandra Insua; a concelleira de Igualdade, Begoña Tajes; e a técnica de Igualdade, Noelia Teijeiro, fixeron un recoñecemento ás mulleres emprendedoras que puxeron en marcha os seus negocios durante o ano 2024, recoñecendo así o seu esforzo e a súa contribución ao tecido económico local.

As mulleres premiadas foron: María Jesús Lema Chans, de Flores con Encanto; Carolina Santos Suárez, da Farmacia de Camelle; Lidia Pasantes Rodríguez, do Supermercado A Fonte; Eva Rosa León de Pensado, do Café-Estanco O Chisqueiro; e Consuelo Sánchez Montero, de Autoescuela Cosán.

Carolina Santos
Carolina Santos

Máis activas

O 12 de marzo Camariñas acollerá a recollida da Maleta MAVI, un recurso que promove a igualdade a través da lectura. No acto, que contará coa presenza da subdelegada do Goberno, María Rivas, tamén participará o club de lectura local, cunha actividade de creación de totebags que afondarán nos valores de igualdade a través dos libros incluídos na maleta.

O 15 de marzo será unha xornada destacada coa celebración dun pleno extraordinario en igualdade, onde se procederá ao nomeamento da rúa ‘Silvia Lijó’, en homenaxe á súa traxectoria e loita pola igualdade. Esa mesma xornada, tamén terá lugar a colocación dunha placa na honra a Carmen de Angustias en Camelle, en recoñecemento á súa labor como curandeira.

Xunto a estas actividades, o Concello tamén levará a cabo outras iniciativas ao longo do mes, como as rutas ‘Camariñas en feminino’ para os CEIP, a instalación dun Punto Violeta durante a carreira pedestre deste domingo, 9 de marzo, e as xornadas ‘Referentes do Deporte Feminino’, para o IES.


 

Comentarios